Anuncios
Ticker de novas

Nigrán blinda e ilumina as dunas de Praia América para evitar danos na noite de San Xoán

O Concello de Nigrán comezou hoxe a blindaxe das dunas de Panxón con 700 metros lineais de valo de dous metros de altura para evitar calquera dano, polo que os asistentes só contarán cunha zona de paso á praia (o resto elimínanse para incluílas dentro do cercado). Ademais, dotaranse dunha iluminación extra para que a vixilancia por parte do Seprona sexa o máis efectiva posible. “Non se pode arroxar pola borda o traballo realizado para a rexeneración dunar, temos que ser precavidos”, insiste Juan González.

Operarios municipais do Concello de Nigrán depositaron esta mañá o material para facer as dúas fogueiras na praia de Panxón (fundamentalmente restos de poda e broza) e durante o venres serán xa confeccionadas. En total, no termo municipal de Nigrán rexistráronse 33 solicitudes para facer fogueiras, 7 máis que o ano pasado.

Desde o Concello dispúxose todo para que a mañá do sábado a praia se atope en perfectas condicións. Así, a empresa concesionaria Cespa iniciará a limpeza acompañada dos 16 operarios municipais de Vías e Obras desde as 6.00 horas. Como outros anos, comezarán os traballos desde a punta de Panxón.

Por outra banda, o Concello adiantará este ano o desaloxo da praia de Panxón por mor das mareas vivas, que prevén alcanzar o máximo nivel ás 4:37 horas invadindo por completo o areal, polo que como mínimo dúas horas antes os asistentes non poderán estar na zona que comprende desde o porto pesqueiro ata o río Muíños. Así mesmo, o Concello pide que non se deixe o lixo na praia e cada un sexa responsable de depositalo nos colectores que se habilitarán fronte as pistas deportivas de Gaifar, ao lado do hospital de campaña. “Aínda que o operativo especial de limpeza comezará antes do habitual, debido ás fortes mareas vivas terá escaso marxe de manobra e todo o que non de tempo a recoller podería acabar no mar, así que facemos un especial chamamento ao civismo e responsabilidade da xente”, incide o alcalde, Juan González.

A totalidade do persoal da Policía Local de Nigrán participará no dispositivo de Seguridade dunha festa que se prevé especialmente multitudinaria ao coincidir en venres, a eles se sumarán os recentemente incorporados auxiliares de Policía Local e reforzos doutros municipios. A maiores, haberá 35 efectivos da Guardia Civil, 10 da Policía Autonómica (encargada, sobre todo, da posible venda de alcol a menores) e 25 de Protección Civil (xunto a unha ambulancia asistencial e outra medicalizada). Ademais, axentes da Agrupación de Tráfico realizarán controis aos condutores e o Seprona atenderá a calquera posible dano ambiental, especialmente nas dunas.Todo este dispositivo foi analizado na Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Nigrán a semana pasada e á que asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González; a subdelegada de Goberno, Ana María Ortiz, e demais representantes dos diferentes axentes implicados.

“Temos todo disposto e completamente coordinado para que a festa transcorra con normalidade, sen incidentes, e que polo tanto as fogueiras sexan as protagonistas”, resume o rexedor.

Como novidade, e seguindo o exemplo da festa da Arribada de Baiona, taxistas de Baiona e Nigrán acordaron poder recoller pasaxeiros en ambos municipios os días 23 e 24 de xuño.

Anuncios