Baiona acolle a II Regata Solar, un concurso tecnolóxico para escolares de ESO, Bacharelato e FP

FOTO: JUAN CABALLERO // Presentación da Regata Solar Marine Instruments.

O vindeiro domingo día 25 de xuño Marine Instruments, en colaboración co Concello de Baiona e o Monte Real Club de Yates de Bayona, organiza a II edición da Regata Solar, un concurso que a empresa puxo en marcha no ámbito dos Centros de Educación Secundaria e Formación Profesional para apoiar e fomentar o desenvolvemento da innovación tecnolóxica entre os estudantes, así como promover o espírito da creatividade.

A gran cita tecnolóxica foi presentada esta mañá no Salón Principal do Club de Iates, contando coa presenza do Socio Director de Marine Instruments, Francisco Pino; o vicepresidente do Monte Real, Alejandro Retolaza; e o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal.

O premio valorará a orixinalidade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño de embarcacións e, en definitiva, a orixinalidade do proxecto presentado. O obxectivo é incentivar aos Centros Formativos na curiosidade e promover os seus primeiros pasos no mundo tecnolóxico desde idades temperás.

Marine Instrumentes proporcionou aos centros educativos participantes o equipamento básico e a partida orzamentaria de 200€ por barco, destinados á compra de material extra para personalizalo e melloralo.

Concederanse premios para cada unha das dúas categorías, Eficiencia e Deseño, e nos dous niveis asignados, que son ESO e BAC, nunha delas e Ciclos de Formación Profesional, na segunda.

O día da competición realizaranse diferentes regatas que serán definidas por Marine Instruments, no espigón da Doca de Baiona, entre o Monte Real e a Torre da Tenaza, a partir das nove da mañá e ata as dúas da tarde, mostrando os alumnos a súa pericia na navegación dos deseños por radiocontrol. A propiedade intelectual dos proxectos presentados pertencerá exclusivamente a cada un dos candidatos, que son o Daniel Castelao, Apóstol Santiago, Montecastelo, Colegio Hogar, Proval, Los Sauces, Barreiro, Maristas Orense e O Castro.