Anuncios
Ticker de novas

O Parador de Baiona acollerá o cume galego do xogo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O IV Encontro AGEO para a competitividade do sector, que organiza a Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO), celebrarase no emblemático Parador de Baiona o xoves 26 de outubro. Este ano, a Asociación que preside Serafín Portas elixiu unha localización moi especial porque precisamente celebran o seu XXXV Aniversario, que poñerá broche de ouro á xornada de traballo coa súa xa tradicional Cea de Gala.

A xa coñecida como “cume galego do xogo” reunirá no impoñente Salón Medieval do Parador a preto de 200 persoas, entre autoridades, directivos das principais firmas nacionais e multinacionais da área, asociacións e federacións de empresas de ámbito nacional, profesionais e expertos, que abordarán os principais temas de interese e actualidade para a industria do xogo. En paralelo, as firmas máis destacadas presentarán as súas últimas novidades en máquinas recreativas, terminais de apostas e accesorios na preciosa galería do Parador de Baiona.

“Como todos os anos, tentaremos conxugar diversos puntos de vista, presentando tanto novas tendencias no sector como os problemas que reivindicamos desde as empresas do xogo presencial”, indica Serafín Portas, que sentencia: “falaremos, como sempre, alto e claro, para erixirnos como altofalante dos problemas que nos incumben para poder garantir a nosa actividade económica, xeradora de riqueza e emprego”. Ademais, a elección do Parador de Baiona non é coincidencia: “buscabamos unha localización solemne, especial e que conxugase tradición e modernidade, como os temas que tratamos no Encontro”, precisa o presidente de AGEO.

A Asociación Galega de Empresas Operadoras xa traballa intensamente nos detalles do programa para a gran cita deste ano na fermosa localidade pontevedresa e proximamente irá avanzando as novidades.

En 2016 analizouse na Coruña “O futuro do xogo presencial”

En 2016, o III Encontro AGEO, que se celebrou en Palexco, na Coruña, analizou exhaustivamente O Futuro do Xogo Presencial, e baixo esa premisa desenvolvéronse as dúas mesas de debate e a conferencia do profesor José Antonio Gómez Yáñez.

A cita coruñesa estivo patrocinada, na categoría Gold, por Bwin, Carfama, Codere, Gigames-Novomatic, Infinity Gaming, Luckia, Recreativos Franco e Wanabet a súa operación online de xogos e Apostas Deportivas, Sportium e Unidesa, e en categoría Silver por E-Service Eurocoin, Gistra, IPS, Merkur Dosniha, Technobouncer e Zitro. Como colaboradores, destacaron Serdisga e a Fundación Codere.

AGEO, ponte entre empresas e administración

AGEO, que celebra o seu XXXV Aniversario, creouse en 1982 coa finalidade servir de ligazón entre os empresarios profesionais do sector e os distintos órganos da Administración Pública, para o estudo, defensa, desenvolvemento e coordinación dos intereses profesionais e empresariais dos seus membros e para coadiuvar á mellor ordenación e estruturación do sector en todos os seus aspectos.

Ademais, colabora activamente coa Xunta de Galicia na restruturación normativa do xogo, prestando asesoramento na procura dun marco máis adecuado que propicie a competencia en igualdade de condicións coas operadoras internacionais de apostas e xogo online.

Anuncios