Anuncios
Ticker de novas

Willem rematou cun recital a estratexia do Club Ciclista Rías Baixas no Ribeiro

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Suma e segue o Club Ciclista Rías Baixas tras a incorporación de Willem Jakobus Smit. O ciclista surafricano logrou este sábado na Volta Ciclista Ribeiro Termal a súa segunda vitoria defendendo as cores da estrutura que preside José Luis Chamorro. Esta vez o seu triunfo resultou irresistible, executando á perfección a estratexia colectiva do conxunto miñorano.

A cita ourensá, puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, disputouse sobre 123 quilómetros e cunhas condicións extremas de calor. Nese escenario, o Club Ciclista Rías Baixas dinamitou a carreira de saída.

Á altura do quilómetro 13 formouse unha fuga dunha ducia de corredores con tripla representación do conxunto dirixido por Marcos Serrano. Willem Jakobus, Jesús Nanclares e Raúl González participaron nesta escapada á que o Club Ciclista Rías Baixas deulle unha volta de porca 20 kms máis tarde, lanzando por diante a Willem e Nanclares.

O berciano baleirouse a favor do seu compañeiro no primeiro porto da xornada. O seu traballo lanzou ao surafricano, que a partir de aí asinou un recital en solitario. Na liña de meta presentouse con 2:18 de vantaxe sobre Roberto Méndez (Arte en Transfer – León) para celebrar o seu segundo triunfo no calendario español.

A terceira praza ocupouna, a 2:31, Raúl García (Cortizo – Anova) e once segundos máis tarde Nanclares superou a José Luis Mariño (Cambre – Caeiro) e a Aser Estévez (Cortizo – Anova) no sprint pola cuarta praza.

A representación da escuadra do Val Miñor nos primeiros postos completouna Raúl González, 14º a 9:36. Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas logrou a segunda posición a 1:51 do Cortizo – Anova.

Anuncios