Anuncios
Ticker de novas

Visto bo a dúas sendas peonís en estradas provinciais que coinciden co Camiño pola Costa en Baiona

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar na Xunta de Goberno celebrada onte venres o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Baiona para levar adiante o proxecto de “Mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria nas EP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago Pola Costa”. Esta actuación, do departamento de Mobilidade que dirixe Uxío Benítez, suporá a creación dunha senda peonil e ciclista para facilitar o tránsito peonil da veciñanza e dos peregrinos, a instalación de elementos de calmado do tráfico mediante redutores físicos de velocidade,e tamén un miradoiro e contará cun orzamento de 381.022,32 euros, que serán financiados ao 80% pola institución provincial e ao 20% polas arcas locais.

O proxecto da actuación está xa rematado e pendente de aprobación definitiva. Co trámite solucionado onte, só será preciso asinar o convenio e proceder á contratación dos traballos, polo que as obras poderían estar en marcha en outono deste ano. Segundo indicou Benítez, a Deputación de Pontevedra está concienciada sobre a necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia, facendo especial fincapé nos treitos que transcorren por espazos urbanos, núcleos ou que teñen un tránsito peonil elevado. Por ese motivo, o organismo provincial quere levar a cabo intervencións no seu propio viario e está a facer una replanificación profunda e conceptual das actuacións en materia de mobilidade. O obxectivo é conformar unha contorna viaria segura e tranquila, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público.

As actuacións que se realizarán en Baiona teñen por finalidade “dar valor aos peóns dinamizando unha zona que actualmente presenta unha serie de carencias e inconvenientes, como a inexistencia de beiravía, que padecen todos os que pasan por alí camiñando. O novo deseño da zona permitirá a todas as persoas gozar da fermosa paisaxe da contorna”, segundo explica o nacionalista.

O ámbito de actuación da obra abranguerá 675 metros da estrada provincial EP-2203 entre Baredo e Loureza (entre os P.Q. 2+625 ata o P.Q. 3+300) e outros 300 metros da EP-2202 Baiona-Loureza (dende o P.Q. 1+500 ata o P.Q. 1+800). Preténdese buscar un deseño que sexa comprensible polos usuarios, utilizade e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade. Así, a previsión é instalar unha senda peonil e tamén elementos físicos de calmado do tráfico tales como pasos de peóns sobreelevados (coñecidos como ‘lombos’) e redutores físicos de velocidade para vehículos, que permitirán a creación dunha zona de velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.

Mellorar as condicións dos peóns

Tendo en conta as liñas de actuacións e prioridades do Servizo de Mobilidade, así como as peticións do Concello de Baiona, a actuación nesta estrada estará enfocada en mellorar as condicións dos peóns, sobre todo por que se trata dun treito polo que pasa o Camiño de Santiago portugués pola costa.

As obras consistirán principalmente da execución dunha senda peonil que dea seguridade e pola cal os peóns e as persoas que fagan o camiño de Santiago poidan gozar da contorna: reordenación e optimización do espazo público, delimitando claramente o uso e as funcións de cada unha das zonas que debe constituír a rúa; execución de senda peonil pola marxe esquerda do tramo, con sección útil de 2,50 metros, favorecendo o acceso dos peóns que fan o camiño de Santiago -xa que estes proceden dun camiño situado na marxe esquerda- e permitindo que a senda conte cunhas fermosas vistas.

Así mesmo, tamén se habilitarán zonas de estancia e esparexemento para os viandantes, reubicando a iluminación existente segundo as necesidades, e cunha nova rede de evacuación das augas pluviais, e adaptación da sinalización vertical e horizontal, sobre todo de velocidade, dado que en todo o tramo non existe ningunha. Será necesaria unha variación do trazado dende o P.Q. 2.880 para aumentar a plataforma e que deste xeito a estrada e a senda teña as dimensións adecuadas. Para iso realizarase o desmonte da parte de rocha da marxe esquerda. Finalmente, renovarase o firme de todo o tramo na EP-2203.- En relación á EP-2202 colocaranse os redutores físicos de velocidade e o pasos de peóns sobreelevados necesarios para reducir a velocidade no tramo, así como o pintado da senda o seu paso pola ponte.

Esta actuación en Baiona está incluída na Estratexia de Mobilidade 3.0 que o pasado mércores se presentou oficialmente na Deputación para a mellora de 29 estradas na provincia de Pontevedra por un montante global de 22 millóns de euros. Na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse o convenio para este proxecto no Val Miñor, ao igual que tamén os de outras catro actuacións para O Grove, Tomiño, Mos e Tui.

Anuncios