Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide pide unhas bonificacións fiscais más xustas e progresivas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Nigrán Decide presentará unha moción, para o seu debate no próximo pleno, instando ao Goberno a que elabore unha proposta de modificación das bonificacións existentes nos tributos de Nigrán, para facelos máis xustos e progresivos.

Por poñer un exemplo, actualmente, no Imposto de Bens Inmobles existe unha bonificación do 90 por cento para aquelas familias numerosas que conten con ingresos inferiores a 3.500 euros netos anuais per cápita, non tendo ningún tipo de bonificación se superan nun euro esa cantidade. Isto supón que unha familia numerosa de 5 membros cuns ingresos netos de 17.500 euros non ten dereito a ningunha bonificación, mentres que esa mesma familia con só 5 euros menos de ingresos netos tería dereito a un 90% de bonificación, o cal pon de manifesto unha situación inxusta e non progresiva na aplicación deste imposto, o mesmo que acontece con outros impostos e taxas en relación á falta de progresividade das bonificacións.

Nigrán Decide non presenta unha proposta concreta, pois considera que lle corresponde ao goberno, que ten acceso a todos os datos para que, coa modificación destas bonificacións, non se poña en perigo a estabilidade do Concello. Entre os datos aos que pode ter acceso está o aumento do valor catastral global do Concello de Nigrán, o que repercutirá nun aumento dos ingresos da recadación do Imposto de Bens Inmobles. Dito aumento da recadación nese imposto vaise producir como consecuencia de que o alcalde manifestase a súa conformidade para que se iniciase dito procedemento en Nigrán o pasado 26 de outubro de 2015. Nigrán Decide estima, cos datos de que dispón, de data 1 de maio de 2017, tres meses antes de que finalice o procedemento de finalización catastral, que este aumento será, como mínimo, de 150 mil euros.

“Con esta moción pretendemos, sen poñer en perigo as contas municipais, que a recadación no Concello de Nigrán sexa máis xusta e progresiva”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.

Anuncios