O surafricano Willem lidera ao Club Ciclista Rías Baixas na Volta ao Ribeiro

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

O Club Ciclista Rías Baixas volve desdobrarse este fin de semana para competir en dúas probas puntuables para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo. A estrutura presidida por José Luis Chamorro participará o sábado na Volta Ciclista Ribeiro Termal na provincia de Ourense e o domingo no VII Gran Premio Mungia – Memorial Sagasti para corredores sub23 en terras vascas.

O cadro miñorano atravesa a súa mellor fase da tempada en canto a resultados. A incorporación de Willem Jakobus deulle un salto de calidade a un persoal que se caracteriza pola súa mocidade. O surafricano disputou tres carreiras, cun balance dun primeiro posto, un segundo e un cuarto. Este sábado volverá ser un dos favoritos no regreso da Volta ao Ribeiro ao calendario estatal.

Jesús Nanclares, recente campión Elite de Castela e León, será a outra referencia do cadro dirixido por Marcos Serrano, que tamén citou para esta clásica ao ourensán Rodrigo Enríquez, ao coruñés Diego González, e aos vigueses Roberto Mediero e Raúl González.

O bandeirazo de saída darase ás 17:30 horas na Área Termal de Barbantes-Estación, o mesmo punto onde está prevista a chegada preto das 20:30 horas. Os corredores terán que completar 123 quilómetros por un terreo esixente. Un traxecto que inclúe dous altos de montaña, Carballiño e San Amaro, e dúas Metas Volantes, Ribadavia e Leiro.

Memorial Sagasti

Ao día seguinte o municipio biscaíño de Mungia concentrará aos mellores ciclistas sub23 do pelotón español. Yago López, Jaime Guzmán, Borja Alfaraz, Lois Rodríguez, Ivan Venter, Dani Rodríguez e Jon Ander Tomei integran a aliñación que presentará o equipo do Val Miñor.

O percorrido do Memorial Sagasti non ofrece novidades respecto das súas anteriores edicións. Serán catro voltas a un circuíto duns 40 quilómetros. Aínda que o perfil está infestado de repeitos, o desenlace habitual é ao sprint.