Rescatan os catro tripulantes dun pesqueiro afundido na costa de Nigrán

FOTO: SALVAMENTO MARÍTIMO

Os catro tripulantes do pesqueiro Rúa Primeiro foron rescatados esta madrugada na ría de Vigo despois de sufrir unha vía de auga.

Os mariñeiros foron auxiliados polo helicóptero Pesca 1 e evacuados directamente ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Segundo se lle indicou ao 112, todos eles se atopan en bo estado. Con todo, algúns dos tripulantes dicían ter moito frío e sufrir algún golpe.

Os feitos producíronse na zona dos Carallóns, ao oeste das Illas Estelas, na costa de Nigrán. A embarcación quedou varada nunha zona de rochas e acabou afundindo.

Salvamento Marítimo alertou da situación ao 112 Galicia ás 4:00 horas desta madrugada. Segundo indicaron, estaban a mobilizar o Pesca 1 e a embarcación Salvamar Mirach.

Con estes datos, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia, a Urxencias Médicas, ao GES do Val Miñor e á Garda Civil.

A Salvamar Mirach permanece nestes intres no lugar do naufraxio. Segundo indican dende Salvamento Marítimo ao 112, na zona non se detectou polo momento ningunha vertedura de combustible.