Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas volveu brillar no GP San Antonio

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Willem Jakobus Smit en Aguilar de Campoo.

O Club Ciclista Rías Baixas deu continuidade ao seu gran momento de resultados no Gran Premio San Antonio. Willem Jakobus finalizou cuarto e Jesús Nanclares ocupou a undécima posición na localidade burgalesa de Val de Mena. A carreira resolveuse coa vitoria de Juan Antonio López-Cozar (Fundación Euskadi), que sorprendeu preto de meta ao grupo dos homes máis fortes da proba.

A estrutura presidida por José Luis Chamorro desprazouse a esta cita tres días despois de adxudicarse en Aguilar de Campoo o triunfo con Willem e o campionato de Castela e León con Nanclares. O surafricano e o berciano volveron estar entre os mellores e sumaron puntos para que o equipo miñorano continúe escalando postos no ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

O XXXV GP San Antonio celebrouse sobre un percorrido rompepernas de 128,3 quilómetros con tres pasos puntuables polo alto do Carel, o último a 13 de meta. O traballo de Caja Rural na cabeza do pelotón neutralizou unha escapada que liderou a proba durante 65 quilómetros e seleccionou o grupo principal ata quedar reducido a menos dunha trintena de corredores, con Willem e Nanclares como representantes do Club Ciclista Rías Baixas.

Nun repeito a falta dun quilómetro e medio, López-Cozar arrancou en solitario e adquiriu unha mínima vantaxe que lle permitiu levantar os brazos cun segundo de marxe sobre os seus perseguidores. Willem puxo de manifesto a súa punta de velocidade e no sprint só foi superado por Jaume Sureda (Caja Rural) e Jesús Arozamena (Aldro Team). Co mesmo tempo entrou en undécima posición Nanclares. Máis tarde, a 3:13, concluíu Lois Rodríguez no posto 36.

Coas boas sensacións que lles deixou esta competición, os ciclistas da formación do Val Miñor participarán durante o fin de semana en dúas novas carreiras do calendario da RFEC. O sábado disputarán a Volta ao Ribeiro na provincia de Ourense e o domingo o Memorial Sagasti para corredores sub23 en Euskadi.

Anuncios