Anuncios
Ticker de novas

Preto de 200 xadrecistas disputaron o VI Torneo Dani da Rocha Prol en Nigrán

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA

A sexta edición deste entrañable torneo de xadrez, pertencente ao Circuíto Galego de Xadrez Promoción, concentrou en Nigrán a case 190 nenos procedentes de toda a xeografía galega e do norte de Portugal, nun día radiante no que non faltou o sol, a deportividade e unha boa merenda.

Tivo especial acollida a iniciativa de Xadrez Solidario con achegas voluntarias ao Banco de Alimentos. Desde o Club Laroca agradecen as doazóns e esperan que esta iniciativa siga afianzándose en próximas convocatorias.

No terreo deportivo, e a pesar de que nos atopamos en plena época de exames, destaca unha vez máis a gran participación local e o crecente interese polo xadrez no sur da provincia de Pontevedra, así como o gran labor de promoción que desde o club nigranés e desde outros clubs próximos (Xadrez Mos, Lucena, o Colexio Apóstolo de Vigo, Albatros, Ramiro Sabell…)  está a realizarse para achegar o xogo do taboleiro ás escolas. Son moitos os beneficios que a práctica do xadrez ten no desenvolvemento da mente dos máis pequenos: a mellora da concentración, memoria, coordinación, habilidade de resolución de problemas, axilidade e resistencia mental, creatividade, aceptación de regras;  e unha infinidade de aspectos positivos que fan do xadrez unha ferramenta didáctica inigualable.

Categoría Sub-8: Participaron 40 pequenos intrépidos adversarios na categoría dos máis pequenos. O mozo Lucas Pérez González do Colexio Apóstolo de Vigo foi o vencedor indiscutible, permanecendo invicto durante todo o torneo e  aguantando a presión da primeira mesa desde a rolda 3. Clara Méndez Rial, de Xadrez Padrón, ocupou o segundo posto, perdendo só co primeiro clasificado. Clara tamén está a ter unha proxección espectacular e é xa a 2ª clasificada no Circuíto Promoción cunha constancia que a postula como unha pequena gran estrela no firmamento xadrecístico galego. Os irmáns Oubiña de Xadrez Albariño foron 3º e 4º respectivamente, demostrando o seu bo estado de forma. Martín Rodríguez Velasco, de Xadrez Mos, volve puntuar co 5º posto na clasificación despois de perder unicamente co 1º e 2º clasificado. O local Xenxo Melón levou o último dos veleiros desta categoría.

Categoría Sub-10: Esta foi a categoría máis numerosa, na que se enfrontaron 53 pequenos profesionais. Tamén aquí Alejandro Cereijo Suárez, da EX Compostela, fixo valer a súa hexemonía, vencendo sen piedade as 7 roldas do torneo e levándose os 12 puntos do Circuíto Promoción. Nerea Cereijo, a súa irmá, conseguiu o 3º posto e mereceu máis, despois de facer unhas táboas co actual vencedor do Circuíto, Eduardo Cabanas, na rolda 3, e de perder por tempo co seu irmán na rolda 6. No segundo posto atopamos ao prometedor Raul Seoane Castela, do Círculo Ferrolán, que pelexa con constancia por manterse nos postos de cabeza do Circuíto Promoción.  O cuarto posto levoullo a brillante Paula Suarez Gómez, de CX Fortecarmoa, nunha loita moi discutida e igualada polos primeiros postos, nos que tamén atopamos a Lois Quintás, de Xadrez Mos, 5º na clasificación. O último veleiro levoullo David Represa de Xadrez Laroca.

Categoría Sub-12: Luca Rey Chimera, do CX Fontecarmoa, foi o vencedor desta categoría, na que participaron 40 nenos. A loita estivo moi igualada ata a última partida e todos fixeron un magnífico torneo e mereceron estar no podio dos campións. David Cernadas Camean, de Xadrez Brétema, conseguiu o segundo posto seguido de Marta Quintás, da Escola Luguesa. Laura Gómez Carreño  subiu a recoller o seu veleiro co tamén ourensán Xacobe Rivero, de Xadrez Ourense. Sara González, de Xadrez Laroca,  completou a foto despois de levar os meritorios 3,5 nunha categoría tan competitiva como esta.

Categoría Sub-14: Na última categoría do Circuíto Xadrez Promoción, representada neste torneo por 32 mozos galegos, Andrés Rodríguez Ferreirós, do CX Fontecarmoa, marcou a súa autoridade vencendo ao actual líder do circuíto, o ourensán Cesar Pérez Dapoza, quen ocupou o 3º posto da clasificación. Impediron que levase o pleno de puntos as táboas das dúas últimas roldas, nas que se enfrontou á  loitadora Paula Quintás (5ª clasificada), da Escola Luguesa, e a Antonio Álvarez Pampillón (4º clasificado), de Xadrez Mos. O prometedor Artai Bringas,  de Xadrez Laroca,  volveu deleitar cun brillante torneo e só perdeu co campión e cedeu unhas táboas con César na penúltima rolda, levándose a 2º posición do podio. Mauro completou un brillante torneo para o club Laroca, ocupando a 6º posición da clasificación xeral.

Preto do ecuador do Circuíto Promoción, César Pérez Dapoza continúa claramente na cabeza da clasificación.

Categoría Sub-20: Aínda que xa fóra das categorías do Circuíto Promoción, déronse cita no VI Torneo Dani da Rocha, 18 adolescentes que continúan gozando da adrenalina de enfrontarse nos taboleiros dun circuíto de rápidas nunha contorna deportiva, san e natural. José Ramón González, representando a Xadrez Tui, ocupou a primeira posición, manténdose invicto e cedendo unicamente unhas táboas coa xogadora laroqueira Mireya Represa, na terceira rolda. Mireya ocupou a 3ª posición na clasificación xeral despois de perder co novísimo  Rubén Fernández na rolda 5, quen conseguiu así a 2ª posición do podio. Acompañáronlles Daniel Lomba Sobrino do Albatros (4º) e Óscar Victorero do CX Fontecarmoa. Constantino Prol André recolleu o último veleiro como mellor xogador do Val Miñor.

Clausura do torneo e sorteo de agasallos

A entrega de trofeos estivo presidida polo Alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, e a tenente alcalde, Raquel Giráldez, quen  acompañou ao presidente do Club Xadrez Laroca, Constantino Levices, e a Rafa e Paula da Rocha, representantes entrañables da familia que motiva e inspira esta celebración deportiva.

O broche de ouro, como sempre, púxoo o sorteo de agasallos e a entrega de trofeos a todos os participantes. 2 bicicletas, 3 tabletas, unha cámara GoPro, unha torre de son altofalante estéreo, un drone con cámara integrada, cascos inalámbricos, un packs vídeo-games, balóns, réplicas de coches…

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios