Anuncios
Ticker de novas

“Depo en Marcha” ofrecerá 100 obradoiros para a terceira idade en 39 concellos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O goberno provincial de Carmela Silva aprobou a adxudicación da xestión, desenvolvemento e execución de “Depo en Marcha” á UTE formada polas empresas Forox Innovación, S.L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S.L., que ofertaron un prezo por actividade de 744.15o €, que serán as responsables de organizar un total de 100 obradoiros con 8 temáticas distintas pensadas para a terceira idade. “Depo en Marcha” é un iniciativa do goberno provincial destinada a fomentar o envellecemento activo a través de diferentes actividades.

Segundo explicou Carmela Silva, a licitación supuxo un aforro de case 50.000 € con respecto ao orzamento inicial previsto para este 2017 que era de 120.000 €, semellante ao do ano pasado, o que supón unha redución do 40%. Á oferta presentáronse un total de 7 empresas, das que resultou elixida a citada UTE formada polas empresas Forox Innovación, S.L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S.L, que marcou un prezo por actividade de 744,15 €, IVE incluído.

A Presidenta destacou a importancia que teñen iniciativas como esta, destinadas á “favorecer o envellecemento activo e que queren contribuír á optimización das oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade”, así como a establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o estado anímico das persoas maiores. “Depo en Marcha” persegue así mesmo, potenciar movementos de participación e de cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a independencia destas persoas para evitar o illamento e situacións de soidade.

Por outra parte, un total de 270 entidades de maiores, persoas xubiladas e pensionistas de toda a provincia solicitaron participar este ano “Depo en Marcha”, das que 216 cumprían todos os requisitos e polo tanto son as adxudicatarias dos 100 obradoiros que se van a realizar. O prezo da matrícula será de 6 € por actividade.

Os 8 obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán “Traballando coas mans”: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades; “Entre fogóns”: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; “Aprendendo da natureza”: plantas medicinais; “Móvete”: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; “Activando corpo e mente”: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; “Enredando”: xogos tradicionais e teatro; “Dálle marcha”: bailes de salón, pandeireta e canto popular; “En rede”: internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As actividades terán lugar en 39 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Anuncios