Cunchas de bronce marcarán o paso do Camiño pola Costa no Casco Histórico de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O alcalde e o concelleiro José Ángel Bahamonde, este luns, cunha das cunchas de bronce.

O Concello de Baiona xa dispón das cunchas de bronce que marcarán o paso do Camiño pola Costa no seu Casco Histórico. Un total de 16 pezas serán instaladas nos vindeiros días para reforzar a pegada da Ruta Xacobea na zona vella da Real Vila.

Turismo de Galicia enviou xa ao Concello de Baiona as cunchas de bronce que guiarán aos peregrinos ao seu paso polo municipio, dende a súa entrada pola parroquia de Baredo ata a saída por Sabarís.

“Trátase dunha nova iniciativa para poñer en valor o Camiño pola Costa, xa que temos case dez quilómetros da ruta. Para nos é moi importante que estea recoñecida a ruta de peregrinación porque a nosa vila ten moito patrimonio cultural que amosar aos camiñantes”, explicou o alcalde, Ángel Rodal.

As figuras colocaranse de forma inmediata e veñen a reforzar a sinalización que durante os últimos meses estase a colocar en Baiona para guiar aos peregrinos.

O pasado mes de marzo xa comezou a instalación das nove mouteiras, unha cada quilómetro, que marcan o Camiño. Ademais, tamén coa colaboración con Turismo de Galicia, haberá outros elementos indicativos, como placas de cerámica.

En abril, a Concellería de Turismo levou a cabo a instalación da nova sinalización da ruta Xacobea dende a recentemente inaugurada Oficina de Turismo. Ante o incremento de peregrinos e co obxectivo de ofrecer maior información aos camiñantes, as novas dependencias municipais situadas na rúa Arquitecto Jesús Valverde ampliaron tamén o seu horario de atención aos visitantes e pasa a estar aberta entre as 10:00 e as 14 horas e entre as 16:00 e as 20:00 horas (o horario de verán será de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 21:00 horas).

Balance do 2016

Ao longo do ano 2016, o número de peregrinos que visitaron a Oficina de Turismo foi de 1.640, dos que 405 procedían do territorio nacional e 1.235 foron estranxeiros (75% do total). Respecto a anos anteriores, rexistrouse un incremento do 47,9% sobre 2015. O Camiño de Santiago non pasa exactamente polo punto no que se atopa a oficina, polo que os datos obtidos a través das sondaxes realizadas, son só unha parte das cifras totais.

No balance global, a Oficina de Turismo de Baiona rexistrou o ano pasado un importante aumento de visitas despois de dous anos nos que a cifra descendera sensiblemente. Un total de 115.734 persoas pasaron en 2016 polas instalacións municipais do Paseo da Ribeira para solicitar información na súa visita á Real Vila, superando as cifras dos tres anos anteriores: 2013 (107.280), 2014 (106.862) e 2015 (106.709).

Anuncios