Anuncios
Ticker de novas

Carmela Silva dá a benvida aos 181 bolseiros e bolseiras do Plan de Práctica Laboral

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou hoxe aos bolseiros e bolseiras do Plan de Práctica Laboral a aproveitar a súa experiencia na administración local e a “tomalo con ilusión e con motivación porque realmente se aprende moito porque ides traballar con técnicos e técnicas que vos van a saber transmitir toda a súa experiencia”.

Carmela Silva recibiu hoxe no Pazo Provincial aos 181 integrantes do Plan de Práctica Laboral que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra para os concellos da provincia e para os propios servizos da institución provincial. Este ano ofertáronse 200 bolsas, ao igual que o ano pasado, presentáronse preto de 1000 persoas e adxudicamos 181para mozos e mozas con títulos universitarios ou ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa no ámbito das súas titulacións e coa finalidade de promover e completar a súa formación en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral.

A Presidenta da Deputación recordou que as bolsas son por seis meses aínda que prorrogables outros seis meses máis, “polo que é un ano de experiencia que tamén vos pode servir para o voso currículo. Porque sempre que un preséntase nun posto de traballo se pide que a xente sexa nova pero tamén que teña experiencia e a administración pública é un entorno onde ides poder coller un bo coñecemento”.

Silva tamén aproveitou as súas verbas de benvida para instar a todos os bolseiros e bolseiras a actuar con liberdade para comentar todas aquelas cousas que non funcionen ben, ou que se podan mellorar “non dubidedes en comentalo porque nos tamén aprendemos de todo aquilo que consideredes porque ademais a esta administración o que nos vale é que estas prácticas vos sexan útiles”, concluíu a Presidenta da Deputación.

No acto de benvida tamén participou unha bolseira da anterior edición do Plan de Práctica Laboral, que prestou o seus servizos no concello de Caldas, que comentou a súa experiencia dun ano, animando a todos e todas a aproveitar este período de tempo para coñecer máis en profundidade a administración local.

As bolseiras e bolseiros irán aos distintos servizos da Deputación de Pontevedra e aos 58 concellos de: Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, O Porriño, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Anuncios