Anuncios
Ticker de novas

Aberto o prazo de inscrición para participar no III Vertiatlón Solidario de Baiona

FOTO: LAUREANO FREIRE // Sada do II Vertiatlón Solidario de Baiona.

A Federación Galega de Tríatlon acaba de abrir o prazo de inscrición para participar na terceira edición do Vertiatlón Solidario, unha competición deportiva organizada polo Monte Real Club de Yates e o Concello de Baiona, cuxo principal obxectivo é recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade do club baionés.

A proba, que conta un ano máis co patrocinio de Verti Seguros, disputarase o próximo 16 de setembro por diferentes puntos de Baiona. Os participantes deberán completar 750 metros a nado en augas da baía, pedalear case 20 quilómetros polas rúas de Baiona e correr 5 quilómetros pola península de Monte Boi, rodeando o histórico Parador Nacional.

Participar nesta proba solidaria terá un custo de 25 euros para deportistas federados e 30 para os non federados. Os deportistas máis novos, da clase cadete, poderán participar gratis se están federados e pagando 6 euros se non o están.

O importe que se recade coas inscricións destinarase integramente á Escola de Vela Adaptada do Monte Real, que ten como principal obxectivo achegar ao mar a persoas con calquera tipo de discapacidade, para que poidan navegar en igualdade de condicións, en instalacións sen barreiras e a bordo de barcos adaptados.

Na última edición do Vertiatlón Solidario participaron máis de 200 persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia que permitiron recadar, coas súas cotas de inscrición, preto de cinco mil catrocentos euros. Os gañadores foron Jacobo Crego, do Olímpico de Vedra, na categoría absoluta masculina; e a súa compañeira de club, Aida García, na categoría feminina.

MÁIS INFORMACIÓN:
http://fegatri.org/evento/iii-vertiatlon-solidario-de-baiona-popular/?instance_id=1283

REGULAMENTO:
http://fegatri.org/wp-content/uploads/2016/11/Regulamento-Baiona-Solidario-2017-VF18-5.pdf

INSCRICIÓNS:
https://www.rockthesport.com/evento/iiivertiatlonsolidariodebaiona

Anuncios