CABE propón tamén a aprobación do núcleo de Campo Grande no Pleno Extraordinario

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Como xa anunciara Gondomar Concello Aberto o venres 2 de xuño despois do Pleno Ordinario, e tras análise da documentación relativa aos núcleos de Penalba, San Roque e Prado, e contactar co resto dos grupos da oposición, este venres presentou a solicitude de convocatoria de Pleno Extraordinario, que segundo anunciou ese mesmo día o concelleiro de Urbanismo, Antonio Araúxo, está previsto para o luns día 19 de xuño ás 20:00 horas.

Na proposta de orde de día inclúese tamén a aprobación provisional da delimitación do núcleo de Campo Grande, tendo en conta o escrito da Xunta de Galicia de data 1 de xuño de 2017, remitido ao Concello de Gondomar en relación á delimitación de dito núcleo, cun requirimento previo á súa aprobación definitiva.

Segundo indica CABE, neste requirimento indícase que a aprobación provisional desta delimitación de núcleo rural debe ser sometida novamente á aprobación polo Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, xa que con posterioridade á súa aprobación provisional polo Pleno do pasado 26 de xaneiro achegáronse por parte do goberno municipal á Xunta de Galicia unha corrección de erros, así como modificacións motivadas polo informe de Augas de Galicia, que non contaban coa preceptiva aprobación do Pleno da Corporación.

Tamén o venres, Araúxo anunciou que a Xunta de Voceiros terá lugar o martes día 13, ás 12:00 horas, coa asistencia dos técnicos municipais que redactaron as delimitacións, para lles explicar ou aclarar as dúbidas dos grupos da oposición.

Anuncios