Anuncios
Ticker de novas

Volven as misas á Capela da Merced de Chaín despois de case seis anos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os veciños da parroquia gondomareña de Chaín están de parabén. As festas na honra da Virxe da Merced, que se celebrarán o último fin de semana de xuño, contarán coa celebración de misas na capela do mesmo nome cando se cumpren seis anos sen eucaristía.

O novo párroco, D. José Antonio Lago Rouco, nomeado o pasado 6 de abril polo Bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, oficiará a primeira misa na Capela da Merced o sábado 17 de xuño, aínda que o día anterior xa comezará a novena. Durante as festas, celebraranse misas desde o xoves ata o sábado ás 21:00 horas, e o domingo ás 12:30 a Solemne, con posterior procesión.

Finaliza así un conflito que comezou agora seis anos, cando na Capela da Merced, doada aos veciños en 1.872 polo sacerdote D. Manuel Antonio Álvarez e xestionada na actualidade por unha Asociación, foron necesarias unhas reformas para a súa conservación. Os fondos para o pago das obras atopábanse nun caderno de aforro pertencente á entidade, na que ademais de dous directivos desta constaba como titular o párroco, D. Juan Benito Rodríguez Guerreiro, sendo necesaria a firma dos tres para a retirada de diñeiro. Cando os traballos finalizaron, o párroco negouse a estampar a súa rúbrica “porque non se lle consultaron as obras”.

Como era necesario realizar os pagos, xa que mesmo algúns directivos adiantaran diñeiro do seu propio peto, a Asociación convocou unha asemblea, á que acudiron socios e veciños, e na que se decide retirar do caderno ao sacerdote e incluír outra persoa. Isto provoca a primeira negativa do párroco para oficiar as misas.

O tira e afrouxa continuou o ano seguinte, cando semanas antes da celebración das festas, pide a cambio de oficiar as misas a súa restitución no caderno de aforro. Debido á imposibilidade de convocar unha asemblea por falta de tempo, desde a Asociación comprométense a incluílo de novo unha vez pasados os festexos, e pídenlle que como mostra de boa vontade, celebre a eucaristía, ao que o párroco négase.

No mes de febreiro de hai dous anos, a Asociación e a Comisión de Festas mantiveron unha reunión co sacerdote, na que aceptaron todas as súas condicións, entre elas recibir unha gratificación por misa, ademais dos estipendios establecidos, unha porcentaxe do que se recada na Capela, e volver ser un dos titulares do caderno de aforro. Nunha segunda reunión, amplía as súas esixencias, aumentando a porcentaxe para percibir, e solicitando unha chave da Capela ademais de instalar dobre chave nos petos, polo que o acordo rompe.

Ante a imposibilidade de que outro sacerdote oficiase a eucaristía, xa que para iso é necesario o permiso do párroco, os veciños, cansados de tentar chegar a un acordo, denunciaron hai dous anos a situación. Co traslado do ata agora párroco D. Juan Benito á parroquia de San Miguel de Oia, parece que por fin se volverán a celebrar misas na Capela da Merced.

Anuncios