Anuncios
Ticker de novas

Un torneo de pádel lembrará a Javier Alonso

FOTO: BE ONE MONTERREAL // Presentación do I Torneo de Pádel Javier Alonso.

Este venres presentouse o I Torneo de Pádel Javier Alonso, que se disputará do 22 de xuño ao 2 de xullo nas instalacións de Be One Club Monterreal, en Sabarís, e no que poderán participar as categorías Masculina 1ª, 2ª, 3ª e 4ª, Feminina 1ª, 2ª e 3ª, Mixta 1ª, 2ª e 3ª, Veteranos +55 e Sub 16.

Javier Alonso, falecido no 2013, xogou no ano 1.975 no primeiro equipo infantil do Celta, onde cos xuvenís disputou a liga nacional dous anos despois. No 79 comezou a formar parte do Gondomar, no que militou catro anos, conseguindo o primeiro ascenso do club a 3ª División na tempada 1981/1982. Xogou tamén xunto co seu irmán Ricardo Alonso na SD Compostela en Segunda B e culminou a súa carreira futbolística no CD Chaín, conseguindo o ascenso de Segunda Rexional a Serie A en tres anos.

Destaca ademais a súa colaboración na organización de multitude de eventos deportivos, sobre todo vinculados co mundo da raqueta e á comarca do Val Miñor e Vigo.

As inscricións para participar no torneo, que nace con vocación de continuidade para manter viva a súa memoria e o seu legado, poderán realizarse ata o luns 19 de xuño ás 20:00 horas na plataforma Padelclick monterreal.syltek.com, na recepción de Be One Monterreal, no teléfono 699 747 754 ou no correo electrónico bepadelmonterreal@serviocio.es.

A cota de inscrición é de 16 euros/persoa para non socios (2ª inscrición 14 euros/persoa) e de 14 euros/persoa para socios (2ª inscrición 12 euros/persoa).

Haberá 2.000 euros de premio en metálico a repartir proporcionalmente a 1ª categoría masculina e feminina segundo o número de inscricións (60% para o campión, 30% para o subcampión e 10% para os semifinalistas).

Todos os partidos xogaranse ao mellor de 3 sets, con tie-break en todos eles. Menos nas consolacións, onde o 3 set substituirase por un súper tie-break a 10 puntos. O torneo rexerase polas normas da Federación Española de Pádel.

A entrega de premios realizarase o domingo 2 de xullo ao finalizar a final de primeira masculina.

Anuncios