Anuncios
Ticker de novas

A Deputación destina 200.000 € para proxectos de igualdade e prevención da violencia de xénero

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de axudas para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero en 50 concellos da provincia de menos de 20.000 de habitantes, por un importe global de 200.000 €. Estas achegas permitirán a posta en marcha de diferentes proxectos nos concellos como plans de igualdade, programas de formación e sensibilización e escolas de familia.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou entre os proxectos que se subvencionan a elaboración dos plans municipais de igualdade, actuacións encamiñadas á mellora da formación e orientación de mulleres cara ao emprendemento, a posta en marcha de servizos de conciliación laboral e familiar, a realización de obradoiros de coaching para mulleres, a creación de escolas de familias para a educación en igualdade e tamén diferentes programas para a sensibilización e prevención da violencia de xénero.

Carmela Silva destacou a “vital importancia” destas axudas xa que “permiten aos concellos de menos de 20.000 € destinar os recursos necesarios para traballar a prol dunha verdadeira igualdade e para poñer freo a unha das peores lacras ás que ten que facer fronte a nosa sociedade, que é a violencia machista”. Ao respecto, cabe lembrar que no que levamos de ano 31 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas, e catro fillos e fillas destas quedaron orfas. Son datos aterradores que nos obrigan a tomar todas as medidas posibles para acabar cunha sociedade machista que se cobra vidas cada semana.

Anuncios