
Esta semana o Club Ciclista Rías Baixas duplícase para competir en dúas frontes. A entidade presidida por José Luis Chamorro participará desde este xoves na Volta a Castelló para corredores sub23 e o sábado acudirá ao Trofeo San Juan e San Pedro en Aguilar de Campoo. Unha dobre cita na que pretende dar continuidade á boa imaxe ofrecida desde o arranque desta tempada.
Por segundo ano consecutivo a organización da prestixiosa Volta a Castelló incluíu ao conxunto miñorano na selecta lista de 20 equipos invitados. O Club Ciclista Rías Baixas compartirá pelotón durante catro días coas mellores formacións españolas, unha escuadra holandesa, unha francesa e unha israelí.
Os galegos Daniel Rodríguez, Diego González, Jon Ander Tomei, Raúl González, Lois Rodríguez, o madrileño Jaime Guzmán e o surafricano Ivan Venter forman o sete sub23 que presenta Marcos Serrano.
A rolda ponse en marcha ás 15:00 horas deste xoves con 138 quilómetros que terán saída e chegada en Benicassim. As dúas etapas máis esixentes son a segunda, Onda – Montanejos (128 Km) cun porto de 1ª categoría e outro de 2ª na parte final, e a terceira, Grau de Castelló – Vistabella (133 Km) con dúas ascensións de 1ª nos últimos quilómetros. A volta concluirá o domingo na capital da provincia, Castelló – Castelló (128 Km).
Aguilar de Campoo
Capitaneado polos seus ciclistas Elite, o Club Ciclista Rías Baixas desprazarase o sábado ata a localidade palentina de Aguilar de Campoo, onde se celebra a edición número 54 do Trofeo San Juan e San Pedro. Esta clásica dispútase nun circuíto ao que os corredores darán tres voltas ata completar 149 quilómetros.
Os miñoranos poñerán en liza a Jesús Nanclares, Rodrigo Enríquez, Yago López, Borja Alfaraz, Diego Tirilonte e á súa última incorporación Willem Jakobus Smit. Este surafricano, de 24 anos, estreouse co seu novo equipo o pasado domingo logrando o segundo posto no Campionato de Galicia.