A Deputación comezará en xullo o pintado das estradas provinciais na comarca do Val Miñor

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Benítez, xunto co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Infraestruturas, Iria Lamas, na EP-2302.

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación comezará o vindeiro luns día 12 o pintado das estradas provinciais. O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade actuará en 226 estradas de titularidade da Deputación, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede provincial, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros. O terceiro lote, referido ás comarcas de O Morrazo e Vigo foi adxudicado por 227.384,65 euros á empresa Viabal Manteniment i Conservació SA.

Na comarca de Vigo renovaranse 372,2 quilómetros de sinalización horizontal de 49 estradas cun orzamento inicial de 206.545,31 euros, sendo 37,5 quilómetros no Concello de Vigo (catro vías), 31,2 en Nigrán (cinco vías), 33,8 en Baiona (catro vías), 20,7 en Gondomar (tres vías), 20,4 en O Porriño (dúas vías), 36,9 en Salceda de Caselas (catro vías), 48,1 no Concello de Mos (catro vías), 35,8 en Pazos de Borbén (cinco vías), 15,7 en Fornelos de Montes (tres vías), 47,9 en Redondela (oito vías) e 44,3 en Soutomaior (dúas vías). Estas actuacións realizaranse no mes de xullo no caso das vías da zona costeira e en agosto no interior da comarca.

A mellora da sinalización horizontal, segundo asegura Benítez, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. O plan de pintado iniciará a súa execución antes do verán, tal e como estaba previsto, logo de meses de traballo de inspección por parte dos técnicos de conservación provinciais e de analizar as necesidades.

O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas. Coa fin de coordinar esta actuación de pintado co Plan Móvese, polo que se instalarán redutores físicos de velocidade, deixarase a sinalización daquelas vías ou treitos nos que se construirán os pasos de peóns sobreelevados ata a finalización desas actuacións.