Anuncios
Ticker de novas

Os concellos do Val Miñor recibirán en total case 135.000 € para mellorar camiños rurais

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os concellos de Pontevedra recibirán unha axuda total de 3,2 millóns de euros para o acondicionamento de camiños rurais de titularidade municipal. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, presentou esta mañá os detalles desta iniciativa aos alcaldes da provincia.

Ángeles Vázquez destacou que esta intervención nos camiños enmárcase no obxectivo xeral do Goberno galego de fixar poboación no rural e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, a través de diferentes iniciativas que buscan entre outros obxectivos o da cohesión territorial. Intégrase no Plan de fixación dotado cun total de 231 millóns de euros.

A posta en valor de vías rurais permitirá actuar nuns 650 quilómetros en toda a comunidade ao longo dos vindeiros dous anos, segundo explicou a conselleira aos rexedores municipais. Trátase, dixo, de facilitar a accesibilidade a fincas e explotacións agroforestais, así como aos núcleos de poboación, unhas actuacións para as que se dedicarán 16 millóns de euros no conxunto de Galicia, cunha porcentaxe de axuda do 100% dos gastos subvencionables, agás o IVE, que correrá a conta dos concellos.

A titular de Medio Rural explicou ademais que o reparto destes fondos fíxose de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tendo en conta criterios obxectivos, como a poboación ou a ruralidade.

A comarca do Val Miñor recibirá un total de 134.642,18 €. Baiona contará cun orzamento de 38.509,02 €, mentres que Gondomar recibirá 50.480,10 € e Nigrán 45.653,06 €.

Anuncios