O festival “Vive Nigrán” esgota as entradas da oferta de lanzamento en só 48 horas

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

As primeiras cen entradas á venda para o festival “Vive Nigrán”, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido, en Praia América, o 26 e 27 de agosto, esgotáronse en só 48 horas á venda. O “bono especial dous días”, a dez euros, rematouse o domingo, polo que a organización sacou xa outra nova promoción a 12 euros para os cen seguintes compradores tamén a través de www.ticketea.com/entradas-festival-vive-nigran. O “picnic-pop festival”, organizado entre Concello de Nigrán e La 10ª Planta, contará con algúns dos grupos máis emerxentes do panorama nacional independente: Las Bistecs, Joe Crepúsculo, Viva Suecia e Basanta son as primeiras confirmacións oficiais.

“Vive Nigrán” dará a benvida en pleno verán a un novo evento que culminará ao grande a programación estival no municipio e que poñerá ao mesmo tempo o broche final ao circuíto de festivais Rías Baixas. Para elo, a proposta é transversal e vai máis alá dos concertos en directo a pé de praia. Así, configuráronse unha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición desde xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, un market, sesións Dj, obradoiros, charlas… Unha serie de actividades que debuxan un “picnic pop festival” de cultura creativa; unha filosofía e un estilo de vida para gozar intensamente Nigrán desde a mañá ata a noite en compañía de familia ou amizades.

E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes)e a pé da marabillosa península de Monte Lourido. Unha contorna espectacular situada no sendeiro azul que une A Ramallosa e Panxón, nunha das postais máis fermosas de Nigrán e que mereceu un ano máis o recoñecemento de ADEAC pola recuperación do ecosistema dunar, do espazo e a súa convivencia co ocio e turismo sostible.

Anuncios