Sarrade e Amorín, novos campións galegos de A Dous

FOTO: ROSANA CALVO // Sarrade e Amorín co presidente da FGV e o comodoro do MRCYB.

A bordo do Fend la Bise, Jean Claude Sarrade e André Amorín convertéronse este fin de semana nos novos Campións Galegos de A Dous tras vencer na competición organizada polo Monte Real Club de Yates por delegación da Federación Galega de Vela.

Sarrade, que chegaba á regata con aspiracións de revalidar o seu título como Campión Galego de Solitarios, viuse obrigado a última hora a buscar un tripulante para poder competir en A Dous, xa que o premio de Solitarios non chegou a disputarse por falta de barcos. O experimentado patrón subiu a Amorín ao seu Fend la Bise e xuntos, lucindo grímpola do club organizador, lograron a vitoria da competición patrocinada por Inserimos Energía.

Leváronse, ademais, a copa do III Memorial Rafael Olmedo e fixéronse, tamén, co ouro da clase A Dous-1, deixándolle a prata a outro habitual nos podios de vela en Galicia, o Bosch Service Solutions do Club Marítimo de Canido. Con Ramón Ojea á roda e Pablo Franco completando tripulación, o Bosch foi en segunda posición durante toda a regata, superado unicamente polo Clínica Gaiás, que se mostrou imbatible en tempo real.

O barco do Náutico de Portosín, tripulado por José María Peinó e Fernando Míguez, colocouse líder desde o primeiro momento e foi o máis rápido en completar as 35,8 millas de percorrido de ida e volta entre a baía de Baiona e a illa de Ons. Empregou algo máis de cinco horas e media en cruzar a liña de chegada e venceu en tempo real, pero a compensación de tempos fíxolle caer ata a oitava posición.

O terceiro posto da clase A Dous-1 foi para o Ferralemes de Enrique Porto e Damián Puebla, un J80 do Monte Real Club de Yates.

Na clase A Dous-2, o podio repartíronllo entre Vigo e Baiona. O ouro foi para o Ay Carmela do Liceo Marítimo de Bouzas, no que navegaron man a man Juan Martínez e Rafael Martínez-Almeida. A prata leváronlla Vicente Cid e Javier Miguez a bordo do Deep Blue do Real Club Náutico de Vigo, e inscribiron o seu nome no bronce Mariano Dios e Luis Rodríguez, que navegaron no Abal Abogados-Lagar de Pintos-Fanautic, con grímpola do Monte Real.

Na competición en tempo real dos monotipos J80, o barco máis rápido, con 6 horas de navegación, foi o Cansino de Fernando Yáñez e Flavio Martín. O Virazón de Javier Rey e Juan Lago cruzou o chegada tres minutos despois que o Cansino e quedou segundo, e a terceira posición foi para o Ferralemes de Enrique Porto e Damián Puebla, que entrou trece minutos despois que o primeiro.

O Campionato Galego de Solitarios e A Dous, que o Monte Real Club de Yates organizou por sexto ano consecutivo por delegación da Federación Galega de Vela, disputouse nas Rías Baixas cunhas moi boas condicións para a navegación. A frota percorreu as case 36 millas de ida e volta que separan a baía de Baiona e o faro de Camouco cun vento entre os 12 e os 24 nós.

CAMPIÓNS GALEGOS DE A DOUS

Fend la Bise • Jean Claude Sarrade y André Amorín • Monte Real Club de Yates

GAÑADORES CLASE A DOUS-1

1. Fend la Bise • Jean Claude Sarrade y André Amorín • Monte Real Club de Yates
2. Bosch ServiceSolutions • Ramón Ojea y Pablo Franco • Club Marítimo de Canido
3. Ferralemes • Enrique Porto y Damián Puebla • Monte Real Club de Yates

GAÑADORES CLASE A DOUS-2

1. Ay Carmela • Juan M. Martínez y Rafael M. Almeida • Liceo Marítimo de Bouzas
2. Deep Blue • Vicente Cid y Javier Míguez • Real Club Náutico de Vigo
3. Abal Abogados-Lagar de Pintos-Fanautic •Mariano Dios y Luis Rodríguez• MRCYB

GAÑADORES CLASE J80

1. Cansino • Fernándo Yáñez y Flavio Martín • Monte Real Club de Yates
2. Virazón • Javier Rey y Juan Lago • Monte Real Club de Yates
3. Ferralemes • Enrique Porto y Damián Puebla • Monte Real Club de Yates