Anuncios
Ticker de novas

Ábrese o prazo para participar no programa “DepoTermal”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da apertura do prazo dun mes para que todas as persoas maiores de 50 anos da provincia de Pontevedra soliciten participar en “DepoTermal”, o programa de termalismo e turismo de saúde da institución provincial que ten un total de 4.434 prazas, 434 delas gratuítas para persoas en situación ou en risco de exclusión social e sen recursos económicos.

Ademais, tamén “aprobouse a adxudicación mediante procedemento aberto da xestión, desenvolvemento e execución do programa, que se lle adxudicou á empresa Viajes El Corte Inglés, S.A.”, sinalou a Presidenta, por un orzamento máximo de 102.000 euros. Xa está publicada na páxina web da Deputación de Pontevedra a listaxe de concellos adheridos ao programa, “un total de 48 dos 61 concellos da provincia”, afirmou Carmela Silva. Malia que en “DepoTermal” poden participar persoas de todos os municipios, as persoas dos concellos adheridos teñen como vantaxe, dende primeira vez este ano, que se poderán achegar ata as dependencias municipais para que o seu persoal técnico as axude a cubrir e presentar os formularios de pre-inscrición para solicitar participar en “DepoTermal”.

Para poder participar, sempre que estean empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra, as persoas terán que ser maiores de 50 anos (ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1967) e, no caso de ser menores de 50 anos, ter a condición de pensionista, un grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou, ademais, precisar dun respiro familiar (coa acreditación conveniente).

“DepoTermal” conta cun total de 4.434 prazas que pon á disposición das persoas maiores de 50 anos, menores de 50 con condición de pensionista ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e para persoas con necesidade de respiro familiar de todos os concellos da provincia de Pontevedra. Desas máis de 4.000 prazas, “434 son gratuítas”, unha novidade que se introduciu por primeira vez a pasada edición do programa porque, sinalou Carmela Silva, “as persoas sen recursos nunca antes se tiveran en conta nesta Deputación”.

O programa de asistencia diúrna (que abrangue a asistencia durante cinco días consecutivos, de luns a venres) conta con 1.248 prazas, 248 delas gratuítas e o resto subvencionadas. Pola outra banda, o programa de réxime completo inclúe un total de 3.186 prazas, 186 delas gratuítas. Esta disciplina, ademais da asistencia aos establecementos durante seis días e cinco noites, inclúe un programa de actividades de animación sociocultural. Ademais, as persoas en situación ou risco de exclusión social e que están a pasar dificultades económicas que optan ás 434 prazas gratuítas de “DepoTermal” terán preferencia sobre as demais á hora de establecer o reparto das prazas.

“DepoTermal” desenvolverase nun total de 12 establecementos: Hotel Spa Nuevo Astur, Vilalonga (Sanxenxo), Hotel Spa Via Argentum (Silleda), Hotel Spa Carlos I Silgar (Sanxenxo), Hotel Benestar Spa Moaña, Balneario de Mondariz, Talaso Hotel Oia Baiona, Balneario Hotel Eurostars Illa da Toxa, Balneario de Cuntis, Hotel Spa Norat (O Grove), Hotel Talaso Louxo A Toxa (O Grove) e Gran Talaso Sanxenxo.

Os 48 concellos adheridos a “DepoTermal” son os seguintes: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilanova e Vilagarcía de Arousa.

Co programa de termalismo da Deputación de Pontevedra, a institución provincial ten os obxectivos de fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través de facilitarlles o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade. Ademais, este programa promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade.

Anuncios