O PP denuncia o “precario” mantemento do Complexo Deportivo Dunas de Gaifar

FOTO: PP NIGRÁN

O Complexo Deportivo Municipal Dunas de Gaifar de Panxón móstrase así a piques de comezar a tempada estival. Xa son varios os usuarios que constatan a realidade do seu estado, desde o precario mantemento das súas pistas de tenis, baños ata os seus xardíns.

O Partido Popular de Nigrán lembra a obrigación do goberno de exercer labores de supervisión para garantir que os espazos de lecer que conforman o Complexo estean nas mellores condicións posibles, para o goce do veciños pero tamén para coidar a imaxe que se proxecta do municipio cara os turistas.

“Isto sería posible se o equipo municipal revisase as condicións contractuais de adxudicación de uso e condicións económicas da concesión administrativa, tal e como se lle lembrou en distintos plenos, no que se obtivo un silencio como resposta”, sinala María José Pino, presidenta do PP de Nigrán, quen engade que “necesitamos que se acentúe a responsabilidade municipal e saibamos valorar e destacar os nosos puntos fortes”.

Desde o Partido Popular lémbranlle unha vez máis ao equipo socialista que dedique esforzos e implicación no turismo, “porque é un dos sectores fundamentais para o noso municipio, unha fonte de ingresos e xerador de emprego e non deben descoidalo”.

Anuncios