Inscricións abertas para participar na «Semana Azul» de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os próximos días 26, 27 e 28 de xuño, as Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona organizan unha nova Campaña Escolar de Fomento de Deportes Náuticos “Semana Azul 2016”, nas instalacións de WetSport Ladeira e na propia praia como centro neurálxico do devandito programa.

A campaña aglutínase en tres días en xornada de mañá e tarde, nas que os participantes poderán desenvolver e penetrarse en deportes náuticos como a vela lixeira, paddle surf, windsurf e piragüismo.

A idea é realizar xornadas continuas onde os participantes pasarán desde as 11:00 ata as 18:00 horas realizando deportes náuticos facendo unha breve parada ao medio día para tomar un bocadillo e repoñer forzas.

A campaña consta de dous prazos de inscrición, o primeiro iníciase o 1 de xuño para os escolares dos centros públicos de Baiona e un segundo para partir do día 12 de xuño para o resto de escolares que queiran participar. Poderán participar todos aqueles interesados que cumpran os seguintes requisitos: saber nadar e ter entre 10 e 18 anos.

O día 23 de xuño participarán escolares de 10 a 12 anos, o día 27 escolares de 13 a 14 anos e o día 28 de xuño escolares maiores de 15 anos.

A Campaña Escolar de Fomento de Deportes Náuticos é totalmente gratuíta, xa que o Concello de Baiona subvenciona a totalidade dos cursos, así como as licenzas federativas para os escolares participantes.

A campaña conta coa colaboración de entidades como o Monte Real Club de Yates de Bayona, Club Piragüismo Bayona, WestSport Ladeira e Cocacola.

Esta campaña nace coa intención de fomentar e achegar o mar como espazo de lecer e deporte aos máis novos e tentar desenvolver un hábito deportivo entre a poboación ofrecendo a posibilidade de coñecer e dominar un espazo que polas características xeográficas e culturais de Baiona é de vital importancia no municipio.

Coa posta en marcha da Semana Azul do 2016, tamén se abre o período de inscricións para todos aqueles interesados en realizar algún curso de iniciación das actividades deportivas náuticas que para o presente período de verán ten previsto desenvolver o Concello de Baiona, que son ver lixeira, windsurf, piragüismo e paddel surf.

Para maior información dirixirse ao Pavillón de Deportes Municipal ou chamar ao teléfono 986 356 558. Tamén está dispoñible o correo electrónico deportes@baiona.org.