Os alumnos de Valmiemprega guían a máis de 50 persoas polo Pazo do Conde de Gondomar

O sábado 9 de xuño a especialidade de “Promoción turística local e información ao visitante” do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II, realizou unha visita guiada ao Pazo do Conde de Gondomar. O alumnado traballador foi o encargado de guiar a ruta onde se fixeron varias paradas antes de chegar ao pazo. Comezou o itinerario dando a benvida ás mais de 50 persoas que participaron na Praza do concello, onde se lles fixo unha breve mención histórica sobre a vila e outras curiosidades. A seguinte parada foi xunto a Ponte de Ánimas, onde os participantes tiveron a oportunidade de coñecer algo máis sobre ese fermoso paraxe xunto ao río Miñor e o antigo Camiño Real que por alí pasaba.

Unha vez chegados ao pazo se fixeron varias paradas para coñecer a súa interesante historia en relación coa vila de Gondomar, a figura de Don Diego Sarmiento de Acuña, fillo ilustre da vila, os terreos e antigos xardíns, a arquitectura do edificio e as súas diferentes etapas, resaltando a fachada norte, e o Patio de Armas coa súa impoñente fachada sur, para finalmente rematar co carácter militar e visitar as portas que aínda conserva, a Porta de Baiona e a Porta de Tui ou do sol, testemuñas de moitos feitos históricos alí acontecidos. Os asistentes amosaron gran satisfacción e agradecemento pola oportunidade que se lles brindou de poder acceder ao interior do recinto, e amosarlles parte da nosa historia.