Anuncios
Ticker de novas

Detidos os presuntos autores dun roubo con intimidación nun supermercado de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Garda Civil detivo a tres veciños de Vigo, dous homes e unha muller, aos que se lles acusa dun roubo con violencia e intimidación nun supermercado de Panxón, no municipio de Nigrán.

Os feitos sucederon o pasado día 16 de maio cando un individuo entrou no local, coa cabeza cuberta cunha carapucha, e esgrimindo un coitelo de longas dimensións conseguiu intimidar á empregada e levar a caixa rexistradora con preto de 500 euros en efectivo.

A secuencia do roubo tivo momentos de especial violencia cando o asaltante, co coitelo na man, agarrou fortemente á dependenta polo pescozo e tombándoa sobre o seu costado encima do mostrador esixiulle a clave de apertura da caixa. Ante a imposibilidade de abrir a caixa, debido á tensión e o nerviosismo do momento, o atracador optou por arrincala e levarlla consigo. No exterior esperábano outras dúas persoas a bordo dun vehículo no que se deron á fuga.

Por mor das investigacións levadas a cabo polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Vigo, en estreita colaboración co Posto Principal de Baiona-Nigrán, chegouse á identificación e detención, levada a cabo o pasado día 19, do titular e condutor do vehículo utilizado para o atraco, a pesar de que levaba parcialmente alterada a numeración das placas de matrícula con adhesivos.

A operación concluíu coa detención das outras dúas persoas: JL.A.F., de 44 anos de idade, que foi o autor material do atraco, e S.F.G. de 34 anos, que tamén os acompañaba.

Os arrestados foron postos a disposición do Xulgado de Instrución nº 5 de Vigo, acusados de senllos delitos de roubo con violencia e intimidación e falsificación de placas de matrícula. A autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión do presunto autor material do roubo (JL.A.F), quedando os outros dous en liberdade provisional con cargos.

Dentro das investigacións foi fundamental a colaboración cidadá, que de maneira incesante comunica á Garda Civil multitude de datos e que se desenvolve principalmente a través do teléfono 062, do portal da internet “Colabora” deste Corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo. www.guardiacivil.es, sugerencias@guardiacivil.org, Garda Civil (Facebook) e @guardiacivil (Twitter).

Anuncios