Anuncios
Ticker de novas

Benítez anuncia un investimento de máis de 400.000 € para a mellora da estrada Chaín-Morgadáns

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Benítez, xunto co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Infraestruturas, Iria Lamas, na EP-2302.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe que o departamento que dirixe investirá máis de 400.000 euros na mellora da estrada provincial EP-2302 Gondomar-Chaín-Morgadáns no concello de Gondomar. O responsable da área de estradas provinciais así llo comunicou ao alcalde, subliñando que o proxecto xa está finalizado e entrará nestes días na fase de contratación.

Benítez visitou esta mañá o concello de Gondomar e destacou que a actuación na EP-2302, prevista xa dende hai meses, consiste nunha rehabilitación estrutural do firme -que está bastante deteriorado- co fin de mellorar a seguranza viaria da estrada. Así, fresaranse os 3,25 quilómetros de lonxitude da vía para despois aplicar unha nova capa de rodadura. Como complemento, tamén se instalarán medidas de calmado do tráfico: seis pasos de peóns sobreelevados (PPS ou máis coñecidos como ‘lombos’) e nova sinalización horizontal e vertical.

Estas obras, subliñou Benítez, non estaban previstas no convenio asinado entre o anterior goberno provincial e o concello. Nese documento só se recollía a construción dunha senda peonil -da que quedaron sen facer máis de 600 metros por falta de terreos- e que non cumpre os criterios e características para os itinerarios peonís da nova Deputación. Ante esta situación, o alcalde priorizou a mellora da capa de rodadura da estrada, que será unha realidade nas vindeiras semanas grazas ao traballo feito polo departamento de Mobilidade dirixido polo nacionalista Uxío Benítez.

Actuación na contorna do colexio Neira Vilas

A maiores da actuación en Chaín-Morgadáns, Benítez tamén se comprometeu co alcalde de Gondomar para a reformulación e acondicionamento da contorna do CEIP Neira Vilas, que coincide nun treito coa EP-2301 (Gondomar e Peiteiros) co fin de calmar o tráfico e mellorar tamén a seguranza viaria dos escolares.

Nas inmediacións do centro educativo xa existe na actualidade un paso de peóns sobreelevado, pero non é suficiente para garantir unha convivencia segura entre os rapaces e rapazas e o tránsito rodado. Así, o proxecto do departamento de Mobilidade da Deputación, que está en fase de redacción, incluirá novos elementos de calmado de tráfico: catro redutores de velocidade que se situarán nas curvas anterior e posterior á recta na que está o colexio.

Así mesmo, segundo indicou Benítez, habilitarase un espazo propio para que os nenos e nenas que utilizan o transporte escolar poidan subir e baixar do bus fóra do ámbito da estrada provincial. Para realizar esta mellora e acondicionar unha nova área para a parada dos buses estase traballando na consecución dunha parcela anexa ao colexio que pertence á comunidade de montes. Ata o de agora a súa directiva mostrou boa disposición para colaborar no proxecto.

BENÍTEZ ANUNCIA UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 400.000 € PARA A MELLORA DA ESTRADA CHAÍN-MORGADÁNS

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Benítez, xunto co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Infraestruturas, Iria Lamas, na EP-2302.

Anuncios