Anuncios
Ticker de novas

Ecoforest construirá unha macroplanta de 13.500 metros cadrados en Porto do Molle

FOTO: ZONA FRANCA DE VIGO

Eladio Pérez, conselleiro delegado do grupo vigués Ecoforest, especializado no deseño e produción de sistemas de calefacción, climatización e auga quente sanitaria a partir de recursos naturais, asinou hoxe con Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, a compra de dez parcelas en Porto do Molle. Ecoforest investirá máis de 7,5 millóns de euros nunha nova planta, cuxa construción arrancará en breve, e que será clave para a expansión do Holding BioEcoforest (Biomasa Ecoforestal, Ecoforest Geotermia, Vapormatra). Aludindo á capacidade innovadora desta empresa, Pedrosa felicitou persoalmente á dirección de Ecoforest que pasa a ser a empresa 152 das aloxadas no parque empresarial “onde crecen con éxito as boas ideas e onde xa traballan 1.036 persoas”.

O centro de Ecoforest en Nigrán terá unha superficie de 13.500 metros cadrados que se construirán sobre a superficie resultante da agregación das dez parcelas do parque empresarial, que suman 15.586 metros cadrados de terreo. A nova planta será autosuficiente desde o punto de vista eléctrico e térmico e dispoñerá dun laboratorio de 1.400 metros cadrados, desde onde se desenvolverá a innovación e desenvolvemento que distingue a este grupo fundado en 1959 por Jose Carlos Alonso Martínez, propietario e presidente do Grupo. A empresa elixiu Porto do Molle para as súas novas instalacións pola súa categoría de “parque tecnolóxico”, comodidade para o persoal e estreito vínculo da familia propietaria co Val Miñor.

Ecoferest, que naceu orientada á fabricación de equipos de biomasa, é a empresa líder do mercado coa máis ampla gama de estufas e caldeiras de pellets, e o único fabricante español de bombas de calor xeotérmicas, aerotérmicas e sistemas que permiten a hibridación coa enerxía solar fotovoltaica. Coa utilización combinada destas novas fontes de enerxía pódense chegar a conseguir uns aforros de ata un 80 por cento na factura enerxética. A insignia caracterízase por ser o líder tecnolóxico internacional en todas as súas familias de produtos que xa comercializa os seus equipos en 36 países.

Anuncios