Anuncios
Ticker de novas

As Rías Baixas acollen este fin de semana o Campionato Galego de Solitarios e A Dous

FOTO: ROSANA CALVO // Saída do Campionato Galego de Solitarios e A Dous de 2016.

A Federación Galega de Vela escolleu ao Monte Real Club de Yates para organizar, por sexto ano consecutivo, o Campionato Galego de Solitarios e A Dous, unha competición que patrocina Inserimos Energía e que o club baionés dedicará ao seu ex presidente Rafael Olmedo, falecido en 2015. A proba, que se celebrará o vindeiro sábado, é, polas súas características, unha das máis emocionantes da tempada de vela en Galicia, xa que nela compiten veleiros con tripulacións reducidas ao máximo, cun ou dous regatistas a bordo.

Os participantes deberán completar un percorrido de entre 30 e 41 millas con pasos obrigados por diferentes puntos das Rías Baixas. Tras cruzar a liña de saída no interior da baía de Baiona, as embarcacións emprenderán rumbo ás balizas de Carallones e A Negra, nos arredores das illas Estelas. Cruzarán despois a entrada da ría de Vigo polo interior das illas Cíes e irán ata o faro de Camouco, fronte á illa de Ons, na boca da ría de Pontevedra. Desde alí, iniciarase o regreso a Baiona, onde estará instalado o punto de chegada fronte á torre da Tenaza.

As novas tecnoloxías terán unha presenza destacada na competición grazas á aplicación móbil eStela, a través da cal cada embarcación transmitirá a súa posición en tempo real. Ademais de dar seguridade ao campionato, este sistema permitirá ao público seguir en todo momento o desenvolvemento da proba en directo, a través dunha web.

Entre os aspirantes ao título deste 2017 estará o actual campión de solitarios e recente gañador da “Volta ás Cíes” do Liceo Marítimo de Bouzas, Jean Claude Sarrade que patroneará, como sempre, o seu Fend la Bise.

O Campionato Galego de Solitarios e A Dous – III Memorial Rafael Olmedo finalizará coa entrega de premios aos gañadores, o sábado ás nove da noite, e unha cea mariñeira nas instalacións do club organizador.

Anuncios