Anuncios
Ticker de novas

A Adoración Nocturna de Baiona celebra as súas vodas de diamante

FOTO: DIOCESE DE TUI-VIGO // Adoración Nocturna de Baiona.

A Sección da Adoración Nocturna Española de Baiona, baixo a advocación de San Xosé, celebra as súas vodas de diamante. Pasaron 75 anos desde a súa fundación o 25 de xuño de 1.942.

Desde aquela noite, con excepción dos anos que a Sección estivo en suspenso mediados dos anos 60 ata 1.974-, non deixaron de celebrarse Vixilias Nocturnas de Adoración Eucarística en Baiona, e a Sección colabora activamente na vida parroquial.

Para celebrar a efeméride, organizaron diversos actos, que comezarán o mércores 31 de maio coa conferencia “O Venerable Luis de Trelles, fundador da Adoración Nocturna en España”, a cargo de Enrique Caride Iglesias, coordinador da Fundación Luis de Trelles e ex Presidente Diocesano da Adoración Nocturna, impulsor da restauración da Sección de Baiona en 1.974. Será ás 21:00 horas na Capitanía Marítima (Elduayen, 20).

O xoves 1 de xuño, á mesma hora e no mesmo lugar, Eugenio Gonzalo Davila Davila, Director de Cáritas Diocesano e ex Presidente Diocesano da Adoración Nocturna, ofrecerá unha nova conferencia baixo o título “O Carisma da Adoración Nocturna”.

O venres 2 ás 20:00 horas celebrarase un Solemne Funeral polos Adoradores falecidos e fieis defuntos da parroquia, na Igrexa de Santa María de Baiona.

O sábado 3, a Vixilia Eucarística Conmemorativa poñerá o broche de ouro ás celebracións. Ás 21:30 horas haberá unha procesión de bandeiras e Santo Rosario desde a Capela de Santa Liberata cara á Igrexa Parroquial, na que se oficiará unha Solemne Eucaristía presidida polo Bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, ás 22:00 horas.

Anuncios