Anuncios
Ticker de novas

Os 20 alumnos do V Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” conclúen a súa formación

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Mancomunidade do Val Miñor entregou este luns no Concello de Baiona os diplomas de capacitación profesional aos vinte alumnos que durante os últimos seis meses traballaron no V Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor”, posto en marcha cunha achega de 179.134,20 euros (97.150,20 euros para os gastos salariais dos alumnos) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

A quinta edición do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” está promovido pola Mancomunidade do Val Miñor e desenvolveuse desde o 1 de decembro de 2016 na Residencia de Tempo Libre de Panxón. Ao longo dos seis meses de duración, os vinte alumnos traballadores (dez de operacións básicas de cociña e de servizos de restaurante) realizaron as prácticas que os acredita en todo o territorio nacional para traballar no sector da hostalería.

O presidente da Mancomunicade e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, presidiu o acto de entrega ao que tamén acudiron o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; a tenente de alcalde de Nigrán, Raquel Giráldez; a secretaria territorial da Xunta na área de Vigo, Yolanda Lemes, e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, ademais do director do Obradoiro “Terras do Miñor”, José López.

“A colaboración entre as administracións son unha gran canle para desenrolar o emprego local, a Xunta sempre aposta polas actividades formativas implicando a todas os concellos e este tipo de obradoiros logran un grado de empregabilidade moi alto e teñen uns resultados, tanto en formación como en competividade, moi satisfactorios”, apuntou Yolanda Lesmes.

O Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” contou cunha duración de 6 meses (960 horas en total), comezando o 1 de decembro na Residencia de Tempo Libre de Patos e rematando este mes de maio. Os traballadores foron seleccionados a través das listaxes do INEM.

Ángel Rodal destacou os esforzos da Mancomunidade para conseguir “xente preparada e especializada grazas aos obradoiros, de maneira que poidamos fomentar o emprego no Val Miñor e que mediante a formación poidan entrar no mercado de traballo”.

Pola súa banda, Ignacio Rial valorou os obxectivos acadados durante os seis meses de traballo. “Quero destacar, neste caso especialmente, a busca continua da excelencia, polo que vos recomendo seguir nesta liña, porque de seguro que vos irá moi ben”, asegurou. Francisco Ferreira e Raquel Giráldez tamén destacaron a importancia do obradoiro e felicitaron aos alumnos polos resultados acadados. O director do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor”, Jose López, incidiu na profesionalidade dos titores e responsables do obradoiro.

Anuncios