Anuncios
Ticker de novas

Miles de persoas abarrotan Sabarís para celebrar o 520 aniversario do seu mercado

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Miles de persoas abarrotan este domingo a parroquia baionesa de Sabarís para conmemorar o 520 aniversario da fundación do seu mercado. O I Mercado Medieval Sabaryz está a rexistrar unha gran animación durante toda a xornada con actuacións e unha feira de artesáns e antigüidades.

“O Concello de Baiona quere homenaxear con esta iniciativa a todos os veciños, comerciantes e negocios da parroquia de Santa Cristina nunha data tan importante. Estamos ante o mercado máis antigo de Galicia no que a nosa xente segue a apostar cada luns de cada semana dende hai séculos”, afirmou o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, durante o seu discurso no acto de inauguración.

Disparos de salvas, pasarrúas, grupos de gaitas, mercado medieval con artesanía e anticuarios, espectáculo de fogos, actuacións cómicas e circenses… Sabarís é este domingo unha festa histórica en lembranza da autorización recibida dos Reis Católicos en 1497.

O Concello de Baiona organizou todos os actos en coordinación cos colectivos Coemsa (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís), Castro e Ladeira (Asociación de Veciños) e Encaixamos (Asociación de Persoas con Discapacidade do Val Miñor).

Os actos comezaron ás dez da mañá do domingo co disparo de salvas e continuaron cun pasarrúas e o desfile inaugural amenizado polo grupo Trip Malabart. Ás 12:00 horas actuou o grupo de gaitas A Seneira de Baiona e ás 13:00 horas, na Praza Victoria Cadaval, celebrouse o acto inaugural de apertura do mercado medieval. Ás 13:15 horas foi o momento da exhibición circense con malabares, acrobacias, teatro e clown, mentres que xa pola tarde continúan as actuacións e os espectáculos de fogo. O Mercado de Sabaryz pechará ás 21:00 horas.

Mercado de artesanía e cortes de tráfico

O núcleo central da feira é a Praza Victoria Cadaval e ao longo da rúa Julián Valverde se instalaron máis de 80 postos de artesáns, todos eles con produtos de elaboración propia, e anticuarios. Ademais, os establecementos hostaleiros son os encargados da oferta gastronómica. Tamén hai postos dos colectivos Castro e Ladeira e Encaixamos.

Privilexio dos Reis Católicos

A primeira referencia documentada do Mercado de Sabarís data do ano 1497, cando os Reis Católicos concederon o privilexio á Real Vila de Baiona para celebrar un “mercado de mantenimientos de pan y de vino en Monterreal” co obxectivo de estimular e reforzar a repoboación da Fortaleza. “A partires de entón o Monterreal disporía dun mercado que non era do agrado e nunca gozou do interese dos veciños e feirantes por encontrarse nunha zona que non era a máis adecuada para eles polo seu difícil acceso”, explica Cristina Vilar Misa, directora do Arquivo Histórico e a Biblioteca Municipal de Baiona.

A documentación analizada pola directora confirma que Sabarís sempre foi o lugar elixido polos veciños e feirantes. “Mentres celebrábase o mercado nas rúas intramuros (Plaça y Rúa del Malcozynado), feirantes e regateiras queixábanse en diferentes puntos de extramuros, como na Vila Vella, o Burgo e na calzada de Sabarís. Durante 400 anos a pugna por establecer o mercado fóra da Fortaleza foi constante”, engade Cristina Vilar.

No último terzo do século XIX a Fortificación do Monterreal foi declarada en ruína, polo que aquela feira é a mesma que hoxe en día celébrase en Sabarís. Pero o vasto e rico Arquivo Histórico de Baiona amosa tamén outros apuntes de interese. “Houbo peticións á Coroa no século XVI por parte do correxidor da Vila para que se estableceran dúas feiras francas, ambas extramuros. Unha delas na ermida do Burgo e outra en Nosa Señora de Cela (Baredo), aínda que non temos constancia ata o de agora de que ningunha delas chegase a celebrarse”, apunta a directora do Arquivo Municipal.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios