Nigrán súmase á campaña “Quere o teu mercado” con showcookings para nenos e maiores

O Concello de Nigrán participa por vez primeira na campaña “Quere o teu mercado” coa celebración de dúas demostracións de cociña este sábado 27 de maio pola mañá na Praza de Abastos da Ramallosa (non é preciso inscrición previa). Así, ás 10.00 horas terá lugar un showcooking de cociña xaponesa para ensinar aos asistentes a facer sushi na súa casa e ás 11.30 horas Nacho Cook amosará aos cativos de xeito lúdico distintas técnicas básicas de repostería. O obxectivo desta campaña á que se suma o Concello de Nigrán é dinamizar o mercado municipal de A Ramallosa e a súa contorna. «É unha oportunidade máis para apoiar, promocionar e visibilizar o papel da praza de abastos de Nigrán ao tempo que incentivamos a compra de produto local», reflexiona o acalde, Juan González.

“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Dirección Xeral de Consumo promove en Galicia en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. “Quere o teu mercado” (“Love Your Local Market”), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

Showcooking: Cociña xaponesa na casa

O obxectivo deste showcooking que se levará a cabo este sábado 27 de maio de 10.00 a 11.30 horas na Praza de Abastos de A Ramallosa (Avenida de Portugal, 14) é achegarse á técnica de elaboración do sushi. De xeito lúdico e entretido trataranse aspectos como a presentación, contrastes de sabores-cores… Así, a chef Estefanía ensinará a facer o shari (cómo cociñar o arroz, preparar o awasezu ou vinnagre para sushi e cómo mesturalo), a mise en place (preparación de ingredientes), como preparar niguiri ou maki e, finalmente, suxestións de presentación.

Showcooking: Maxia na cociña infantil

O obxectivo é, empregando produtos frescos, que os cativos aprendan distintas técnicas básicas en repostería, atendendo ás distintas alerxias e intolerancias como celiaquías etc. De xeito lúdico e entretido Nacho Cook tratará aspectos como a substitución de ingredientes potencialmente alérxenos como froitos secos por outros inocuos para o neno.