Nigrán convértese no escenario da inauguración do programa “DepoRúarte 2017”

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Curso de graffiti en Nigrán no marco de DepoRúarte.

A Praza do Concello de Nigrán acollerá o vindeiro sábado 27 de maio a inauguración do programa “DepoRúarte 2017”, impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do servizo de Cohesión Social e Xuventude, que ten por obxectivos ofertar actividades de música, baile e pintura urbana para a mocidade da provincia.

Trátase da segunda edición deste programa que, este ano, incluíu unha serie de modificacións para facelo máis atractivo para a mocidade. Por iso, a segunda edición que arranca o sábado en Nigrán concentrarase nunha mesma xornada, entre as 17 e 20 horas, na que, a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte, as mozas e mozos maiores de 12 anos poderán aprender cuestións relativas ao breakdance, turntablism DJ, beatbox, creación de graffitis e personalización de gorras. Ademais, por vez primeira o programa terá un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de DepoRúarte.

A primeira edición de DepoRúarte ofreceu 20 obradoiros en distintos concellos da provincia que comprendían dende música ata cociña, deporte, arte urbana, vídeo e un longo etcétera. Este ano, para mellor aproveitamento do programa, a oferta dos obradoiros concentrarase nunha mesma xornada que comezará o sábado en Nigrán, e continuará, entre outros concellos, en Marín, A Estrada, Silleda, Caldas, Vilagarcía de Arousa, Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.