
Dúas persoas resultaron feridas hoxe en Gondomar tras ser atropeladas por un vehículo. O coche, sen condutor, quedara supostamente estacionado sen freo de man e sen control levou por diante a unha muller de 28 anos, J.P.R., e a súa filla, menor de idade.
O atropelo tivo lugar na subida que dá acceso ao colexio Chano Piñeiro. Unha persoa particular alertou da situación ao 112 Galicia ás 14:00 horas desta tarde.
O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou do ocorrido a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Baixo Miño. Tamén se alertou ao GES do Val Miñor, a Protección Civil, á Policía Local e á Policía Autonómica.
Os efectivos sanitarios mobilizaron unha ambulancia asistencial cun médico de Atención Primaria e unha ambulancia medicalizada ata o punto para asistir á muller e á menor, que foron trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.