Anuncios
Ticker de novas

Interceptado un camioneiro que superaba en dez veces a taxa de alcol permitida

FOTO: GARDA CIVIL

A Garda Civil de Tráfico interceptou onte a un camioneiro que circulaba pola autoestrada A-52, á altura de Ponteareas, cunha alcoholemia positiva que superaba en dez veces a taxa máxima permitida para este tipo de condutores profesionais do transporte de mercadorías.

Os feitos sucederon sobre as seis da tarde de onte cando se recibe unha chamada telefónica alertando da condución errática dun camioneiro que conducía un vehículo articulado pola autoestrada A-52, á altura do municipio de Ponteareas.

Por parte do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño, activáronse as patrullas de servizo na zona e de inmediato púidose interceptar ao camioneiro á altura do Km. 292, moi preto de Ponteareas.

Ante os evidentes síntomas externos de embriaguez que presentaba o condutor do camión e o risco que supoñía a súa condución para os demais usuarios da vía, sometéuselle á correspondente proba de alcoholemia, arroxando un resultado de 1:69 e 1:63 mg/litro, altamente superior á taxa permitida.

Á vista dos signos externos do condutor e a elevada taxa que supera en máis de dez veces a máxima permitida para os condutores destes vehículos, a Garda Civil de Tráfico procedeu á súa investigación, acusado da comisión de delito de contra a seguridade viaria, castigado coa pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou con traballos en beneficio comunidade de 31 a 90 días, ademais da privación do dereito para conducir dun a catro anos.

O condutor, JJOC, veciño de Redondela, de 44 anos, tiña previsto viaxar só ata Francia segundo memoria da viaxe, séndolle inmobilizado o camión.

Dita taxa de alcol, a máis alta detectada en Galicia durante os últimos anos, atópase preto do coma etílico e progresiva inconsciencia, afectando gravemente á toma de decisións, cun comportamento titubeante e impredicible, o que supón un grave perigo para a seguridade viaria.

Unha vez liquidada a situación de risco, o condutor, que se atopaba totalmente desorientado, foi trasladado ás dependencias do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, onde foi recollido pola súa familia, que foi localizada a través do teléfono móbil que levaba consigo.

Anuncios