Anuncios
Ticker de novas

O tráiler da reciclaxe fai parada este mércores en Panxón

O Campo das Redes (fronte as pistas de tenis de Panxón) acolle mañá mércores de 16:00 a 20:00 horas o tráiler informativo da campaña “Oportunidades Galicia – Separemos ben, reciclaremos mellor” da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colabora Ecoembes, Sogama e, neste caso, o Concello de Nigrán.

Este dispositivo divulgativo e lúdico busca fomentar na cidadanía as boas prácticas no tratamento dos residuos como oportunidade para acadar os beneficios ambientais e económicos derivados da correcta separación e reciclaxe. Atendido por educadores medioambientais, leva aparelladas diversas actividades coas que se pretende informar, formar e concienciar aos cidadáns na súa correcta xestión e proporcionarlles as pautas necesarias para aplicar cada día o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), cimento do modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.

As actividades proxectadas desde o tráiler, e adaptadas a maiores e pequenos, serán complementadas con outros elementos tales como un inchable, canastras e diversos xogos para goce dos participantes, compaxinando desta forma a aprendizaxe co lecer e a diversión. Este punto de encontro servirá tamén para que os interesados poidan despexar dúbidas e preguntar aquelas cuestións encamiñadas a liquidar posibles erros. Ademais, os que así o desexen, terán a oportunidade de someterse, de forma anónima e voluntaria, a enquisas de coñecementos e satisfacción nas que deixarán constancia dos seus comentarios, observacións e opinións.

Os monitores insistirán na importancia que ten o consumo responsable de cara a reducir a produción de lixo en orixe, así como na necesidade de aproveitar ao máximo os produtos de cara a alongar a súa vida útil. Tamén se deterán en explicar os pormenores do sistema de recollida selectiva, concretando o que debe e non debe ser depositado en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma, dende o máximo respecto medioambiental, en enerxía eléctrica suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos; un sistema co que se pretende poñer en valor aquela parte dos refugallos que non se pode reutilizar nin reciclar e que, de non ser recuperada enerxeticamente, acabaría desperdiciada en vertedoiro, co conseguinte impacto negativo sobre a contorna e a saúde.

Anuncios