NABIA reforza o transporte marítimo de pasaxeiros cun novo catamarán de 250 prazas

FOTO: NABIA // O novo catamarán "Pirata de Canexol".

Esta mañá tivo lugar en Vigo a presentación do “Pirata de Canexol”, o novo catamarán de 250 prazas que a naviera Nabia incorporou recentemente á súa frota para cubrir as necesidades do transporte marítimo de pasaxeiros nas rías de Vigo e Pontevedra.

Ao acto, que estivo presidido polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López Chaves, asistiron entre outras autoridades, Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; e Ana Laura Iglesias, concelleira de Turismo do Concello de Vigo; que xunto ao resto de invitados puideron coñecer as características desta nova embarcación e comprobar as súas excelentes condicións de navegación realizando un percorrido pola Ría de Vigo.

O buque, encargado por Nabia a Estaleiros Gondán no marco da última edición de Navalia, está construído en poliéster reforzado con fibra de vidro, conta con 24 metros de eslora e pode alcanzar unha velocidade máxima de 20 nós. Cunha autonomía de 750 millas, a principal novidade deste barco é que incorpora un casco máis duro que os actuais, o que lle permite unha navegación máis estable en caso de mal tempo e reducir o consumo de combustible.

Tal e como explicou a xerente de Nabia, María Jesús Otero, “a incorporación do Pirata de Canexol á nosa frota responde á necesidade de atender o incremento de usuarios do transporte marítimo na Ría de Vigo e a demanda de prazas para visitar as Illas Cíes, que se incrementou ao redor dun 20%”. Así mesmo, afirmou que se trata dun paso máis para seguir crecendo e converterse a naviera de referencia no transporte marítimo de pasaxeiros nas Rías Baixas, ofrecendo un servizo de máxima calidade aos seus clientes.

Durante os próximos meses o “Pirata de Canexol” reforzará as viaxes ás Illas Cíes e Ons e cubrirá os servizos especiais que Nabia ofrece para promocionar a Ría de Vigo tales como a “Ruta Starlight” para a observación das estrelas; a visita guiada ata o Museo do Mar, denominada “Vigo desde o Mar”; a “Ruta Industrial” para coñecer a historia da industria viguesa desde o mar; a “Ruta do Mexillón” entre bateas; paseos pola ría con mariscada a bordo; ou a “Noite de Meigas”, entre outros.

Naviera Nabia

Naviera Nabia, pertencente ao Grupo Acuña, dedícase ao transporte marítimo de viaxeiros desde 1998. Nos seus preto de vinte anos de historia a compañía converteuse nunha das principais navieras das Rías Baixas e conta coa frota máis moderna. Actualmente, ofrece servizos de liña regular durante todo o ano entre Vigo e Moaña, e de tempada ás Illas Cíes e Ons, desde os portos de Vigo, Cangas, Baiona, Bueu e Portonovo. O pasado ano Nabia transportou a máis de 280.000 pasaxeiros.

AUTORIDADES DURANTE A PRESENTACIÓN NO NOVO CATAMARÁN DE NABIA "PIRATA DE CANEXOL"
FOTO: NABIA // As autoridades durante a presentación do «Pirata de Canexol».