Anuncios
Ticker de novas

A campaña da Deputación consegue un centenar de novas adhesións ao SICTED

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que a campaña iniciada pola institución provincial para aumentar o número de empresas co certificado de calidade turística SICTED foi todo un éxito ao cifrar en cen empresas as que solicitaron a súa adhesión “incluso hoxe mesmo coñecemos que o Parador de Turismo de Tui pediu tamén a súa adhesión ao SICTED”.

Carmela Silva recordou que a campaña de promoción para a implantación do certificado de calidade do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) entre o sector turístico da nosa provincia concluíu o pasado martes coa última xuntanza celebrada en Tui, con xuntanzas anteriores feitas en Vigo, Pontevedra, Silleda, Vilagarcía, Cambados, Bueu, A Guarda e Cuntis. Nesta campaña, a Presidenta da Deputación destacou que se fixeron dez xuntanzas comarcais para presentar o selo de calidade ao sector turístico de cada zona pero, que a campaña é moito máis ampla xa que ofrece todo o asesoramento e formación necesaria para que cada empresa que queira adherirse poda superar os exames.

Silva subliñou que “o resultado destas dez xuntanzas ao longo da provincia foi espléndido. Acadamos uns resultados moi por riba das nosas previsións, que como sempre eran moi cautas. Calculamos un obxectivo de aumentar nun vinte por cento o número de empresas co certificado SICTED e neste intre xa estamos por riba do 50%”.

Ate finais de 2016, na provincia de Pontevedra 203 empresas contaban con este certificado e “tras a campaña destes primeiros meses do ano acadamos outras cen firmas, de dezaseis concellos, que van desenvolver o seu certificado de calidade. Entre as novas adhesións destacan 12 restaurantes da provincia e as primeiras empresas de organización de congresos, aluguer de embarcacións, convention bureaux, turismo industrial e campo de golf.

Por outra parte, Carmela Silva tamén quixo facer unha valoración do proxecto “Degusta Europa: A gastronomía do Camiño” que tivo a participación de doce mil persoas, dúas mil máis que no ano anterior. “Este é un proxecto que cun orzamento moi pequeno, ponse en valor a nosa gastronomía cos produto do día, os nosos mercados e a alta calidade que ten a formación dos nosos profesionais en hostalería porque como recordarán todas as degustacións foron feitas polo alumnado das dúas escolas de formación profesional da provincia Carlos Oroza e o Manuel Antonio”, destacou Silva.

“Degusta Europa” percorreu os mercados de abastos das cidades de Vigo, Tui, Baiona, Pontevedra, O Grove e Soutomaior.

Anuncios