Anuncios
Ticker de novas

Nigrán acolle a segunda edición da Clásica Manuel Alfaro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // I Clásica Manuel Alfaro.

Este sábado 20 de maio terá lugar en Nigrán a segunda edición da Clásica Manuel Alfaro, evento de regularidade para vehículos clásicos organizada pola familia do lembrado piloto de clásicos que lle dá nome, contando coa colaboración da Escudería Vigo Clásicos e co apoio imprescindible e incondicional dun gran número de patrocinadores e colaboradores como Administradora O Castro, Organiza T, Concello de Nigrán, Cimalab, CimaClassic, Rodovigo, Fontanería Varela, NX Sport, Instalaciones Guixar, Galides, Vicente González, Aguasana e, non menos importante, Adega Crego e Monaguillo.

Os máis de 40 vehículos participantes concentraranse no parque pechado, situado na Finca de Castro, en Rúa dos Pazos, 61-63 en Nigrán, a partir das 12 do mediodía. Alí poderanse ver vehículos clásicos habituais nos rallys dos anos 70 e 80 como Austin Cooper S, Mini Morris, BMW 2002, Porsche 911, Porsche 914, Triumph Spitfire, Lancia Beta, Seat 124,… e outros moitos. Todos os vehículos participantes teñen máis de 30 anos de antigüidade.

Os coches empezarán a saír do parque pechado a partir das 4 da tarde, circulando de minuto en minuto, para percorrer diferentes estradas de Nigrán, pasando, entre outros lugares polo polígono Porto do Molle a partir das 4 e cuarto.

A partir de aí sairán en dirección Gondomar para seguir ruta cara a Tebra, Tui, Tomiño, onde realizarán unha parada sobre as 6 e media da tarde para repoñer forzas e continuar cara ao Rosal e Oia, onde terminarán o seu percorrido no Restaurante “Lugar”, para pasar á cea de fin de rally e cerimonia de entrega de premios.

Anuncios