Araúxo recorda que foi o goberno do PP o que aprobou o Regulamento da Praza de Abastos

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Praceiros de Gondomar.

O concelleiro de Comercio e Turismo de Gondomar, Xosé Antón Araúxo, asegura nun comunicado que o goberno municipal está a cumprir o Regulamento da Praza de Abastos aprobado polo PP en decembro de 2012, publicado o 7 de marzo de 2013, asinado polo alcalde popular Fernando Guitián.

“Non son fáciles de entender os razoamentos do PP, que adoitan defender unha cousa e a contraria, casar a legalidade e a ilegalidade ao mesmo tempo ou facer propostas políticas que se contradín entre si”, sinala o concelleiro, para o que a Praza de Abastos de Gondomar é o último exemplo.

“Logo de décadas de ilegalidade, provisionalidade e irregularidades, o PP vén de solicitar publicamente que se suspenda o procedemento de licitación, que precisamente vai dotar de legalidade, estabilidade e seguridade ás persoas titulares dos postos da Praza de Abastos. Os profesionais do “Ti vai facendo, que eu pecho os ollos transitoriamente”, adoitan meter ás veciñas e aos veciños de Gondomar en problemas xurídicos ou administrativos que finalmente afunden á cidadanía en pozos legais e sancións económicas. O mesmo que acabamos de vivir no urbanismo”, engade Araúxo.

O edil asegura que o novo goberno de Gondomar quere acabar coa longa noite de arbitrariedades que o Concello ten vivido durante os mandatos do PP.

“Tampouco é fácil atoparlle coherencia á última petición de que só se liciten os doce postos libres, que contradí o Propio Regulamento da Praza de Abastos aprobado polo PP. Non sabemos cal das dúas posibilidades é máis grave: que a señora Paula Bouzós descoñeza o propio regulamento da praza do PP, ou que o coñeza e actúe con mala fe, enganando ás praceiras e aos praceiros”.

No Regulamento aprobado no seu día polo PP, que segundo Araúxo este novo goberno municipal está a seguir ao pé da letra, indica no seu artigo 11 que as adxudicacións realizaranse mediante procedemento aberto, segundo a normativa da contratación pública. “Precisamente, tal como estamos facendo”, insiste.

Por outra banda, na disposición transitoria, o Regulamento outorga un prazo máximo de cinco anos para a regularización da actividade; de non facerse, o Concello declararía a extinción da concesión.

Por tanto, -indica- do que se trata é de evitar que se lle extingan os dereitos aos actuais praceiros, dotalos de seguridade xurídica, de tranquilidade laboral, de reconducir unha lonxeva irregularidade administrativa ao campo da legalidade.

“A Praza de Abastos de Gondomar é un centro vital para a Vila, para a nosa forma de entender as relacións de veciñanza, as vinculacións económicas de proximidade. Este goberno vai realizar en breve proxectos de acondicionamento da zona da praza, para humanizar este entorno, para facelo máis cómodo para a veciñanza, para que teña máis poder de atracción de compradores”, sinala o concelleiro.

“O futuro dos praceiros de Gondomar será máis estable e seguro, sen medos legais, sen provisionalidade. Para isto estamos a cumprir o regulamento da Praza de Abastos, aprobado polo PP, pero que non foi quen de levalo adiante, ou non quixo. O tempo para facelo esgótase”, conclúe Araúxo.