Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas pechou a Copa de España co 14º posto de Tirilonte no GP Macario

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Balance positivo do Club Ciclista Rías Baixas ao termo da súa terceira participación na Copa de España. O proxecto presidido por José Luis Chamorro logrou dar un salto de calidade respecto das súas dúas anteriores presenzas no certame máis prestixioso do campo Elite e Sub23 español. Así o ratificou na última xornada, tentando ser protagonista desde o primeiro metro e con Diego Tirilonte ocupando a décimo cuarta posición na liña de meta do GP Macario.

A clasificación xeral resolvíase nesta novena carreira puntuable e os ataques sucedéronse desde que se deu o bandeirazo inicial aos 155 quilómetros con saída e chegada na localidade madrileña de Alcalá de Henares. Un dos primeiros corredores en saltar do pelotón foi Jon Ander Tomei. O coruñés do Club Ciclista Rías Baixas filtrouse en dúas fugas durante os 30 primeiros quilómetros.

Estas escapadas non callaron e os pupilos de Marcos Serrano decidiron asumir a cabeza do gran grupo antes de que a carreira rompese á altura da meta volante de Villalbilla (km 36). Do corte dianteiro destacáronse sete corredores, un deles Jesús Nanclares. O berciano da formación do Val Miñor rodou durante máis de 50 quilómetros xunto a Gonzalo Serrano e Álvaro Cuadros (Caja Rural), Erlend Sor (Escribano), Ángel Gutiérrez (Cartucho) e Francisco García Rus (GSport).

Nanclares non puido seguir o ritmo dos seus compañeiros de aventura na cuarta ascensión puntuable da xornada, o Alto de Torres de la Alameda (3ª categoría). O pelotón neutralizou ao ciclista do Club Ciclista Rías Baixas, pero non á maioría dos fuxidos. García Rus anotouse o triunfo por diante de Serrano, que se fixo coa vitoria na xeral da Copa de España.

A 36’’ dos primeiros clasificados chegou un grupo de 60 unidades con catro representantes da estrutura miñorana. Tirilonte ocupou a 14ª praza, Diego González a 43º, Raúl González a 44º e Rodrigo Enríquez a 63º. Máis tarde, a 05:09, finalizaron Tomei (73º) e Nanclares (75º). Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas obtivo o decimosegundo posto entre os 28 conxuntos participantes.

Unha vez completada a Copa de España, os próximos obxectivos da entidade de Nigrán serán o Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual, este mércores 17 de maio, e a Volta á Provincia da Coruña, que arranca dous días máis tarde.

Anuncios