Anuncios
Ticker de novas

Los hijos de Carlos Casares inauguran en Nigrán una muestra de 30 imágenes tomadas por el escritor

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // O alcalde de Nigrán, Juan González, e os dous fillos de Carlos Casares, Hakan e Christian, xunto o director da Fundación Casares, Gustavo Garrido, durante a inauguración.

O alcalde de Nigrán, Juan González, e os dous fillos de Carlos Casares, Hakan e Christian, xunto o director da Fundación Casares, Gustavo Garrido, inauguraron hoxe no Auditorio Municipal a exposición “Carlos Casares e a fotografía”, organizada co obxectivo de divulgar no municipio a figura deste escritor galego universal e veciño de Nigrán a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2017. A mostra, organizada a través da Fundación Casares, profunda a través de 30 imaxes nesta faceta artística relativamente descoñecida do autor, pero tan importante como relevante nalgunhas das súas obras literarias: a fotografía.

“De todos os sitios onde viviu o meu pai Nigrán foi o único que elixiu libremente, sen ningún condicionante laboral ou de outro tipo, e no que sen dúbida foi más feliz”, resumiu o seu fillo Hakan, quen xunto a Christian comentou anécdotas e vivencias do seu pai no municipio, onde estivo asentado durante 22 anos (ata a súa morte no 2002).

“Foi un dos veciños máis ilustres de Nigrán e descansa no seu cemiterio municipal desde hai quince anos, aínda que pervive en nós a través das súas obras, referentes da literatura galega universal. É un orgullo para o Concello recordar a súa presenza, a súa calidade humana e o seu talento máis alá incluso do eido literario, como é o caso desta mostra”, resume o alcalde, Juan González.

A exposición, que estará aberta durante este mes de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, recolle imaxes tiradas polo propio Casares, así como outras nas que el mesmo aparece fotografado. Trátase dun conxunto de obras relacionadas con ámbitos como o familiar, onde existen autorretratos e retratos dos seus fillos Hakan e Christian e a súa muller Kristina Berg; como fotografía de viaxes, unha actividade pola que o autor limiao sentía moito interese e que queda reflectida en imaxes por toda Europa e Norteamérica; ou de ámbito profesional, realizadas para unha obra de referencia como a Guía da provincia de Pontevedra, e nas que a súa temática xira en volta de aspectos culturais e tradicionais da nosa cultura (o entroido, petos de ánimas, cruceiros…). A mostra inclúe tamén unha parte importante da colección de cámaras fotográficas que posuía o escritor, moitas delas protagonistas tamén nas imaxes de autorretratos.

En resumo, a exposición tenta poñer ao público en contacto cunha faceta descoñecida do escritor, unha faceta que constitúe outra dimensión de Casares e, en certa medida, interactúa coa súa obra literaria e contribúe a dar luz sobre as relacións entre as diferentes actividades expresivas da personalidade humana.

A programación do “Ano Casares” ofrecida dende o Concello de Nigrán continúa o propio día das Letras Galegas, cando terá lugar a tradicional festa da bicicleta do Val Miñor cun guiño dende Nigrán a Carlos Casares e ás 20.00 será a representación teatral de “A Galiña Azul” no Auditorio, unha das súas obras infantís máis coñecidas. Finalmente, o sábado 27 de maio e o 3 de xuño a Fundación Carlos Casares dirixirá sendos roteiros sobre a figura de Carlos Casares no municipio (o primeiro roteiro ía ter lugar este sábado 13 de maio pero ante a previsión de choiva decidiuse pospoñelo).

Anuncios