Anuncios
Ticker de novas

Dúas miñoranas triunfan na XIX edición dos Premios da Internet

Este xoves celebrouse no Espazo Fundación Telefónica de Madrid a gala de entrega da XIX edición dos Premios da Internet, conducida por Macarena Merlín, directora e presentadora do programa “Hablar por Hablar” da Cadena Ser.

Dúas miñoranas, Olga López Alén e María Muñoz, viaxaron ata a capital de España como finalistas, sen imaxinar que poderían vencer nun certame no que se presentaron compañías como Endesa, Mahou, ING ou a propia Axencia Tributaria.

Pero así foi, o xurado, composto por profesionais do sector, designados polo Comité de Impulso do Día da internet, decidiron outorgarlles o premio.

Olga é propietaria de Kukadas, en Gondomar, un pequeno comercio nado a finais de 2014 que foi galardoado na categoría de Mellor Estratexia Dixital en Tendas Online. Kukadas chegou á gala como finalista medíndose con nada menos que a tenda online de Zara.

Sen axuda externa de ningún tipo, só coa da súa familia, puxo en marcha a tenda online, de forma autodidacta e con moito entusiasmo. A supresión dos gastos de envío, a flexibilidade nos métodos de pago, e unha atención case presencial na rede a través do chat online, permitiron a esta tenda local repartir de forma exitosa pedidos por todo o territorio nacional.

“Grazas, isto é un soño”, é todo o que a emoción permitiu dicir a Olga cando a presentadora nomeou ao gañador. “Este premio é un verdadeiro prestixio e respaldo ao traballo realizado nestes anos, con todo o empeño en que cada cliente estea satisfeito co seu paso por Kukadas, para só así ir crecendo na rede”, sinala.

Pola súa banda, María, é a propietaria de Taxi Nigrán María, premiado na categoría Márketing Online en Turismo e Viaxes. Desde que se puxo ao volante do seu primeiro vehículo profesional fai xa case 3 anos, viuse na obrigación de presentarllo a todo o mundo -se non estás na internet, non existes-. As máis diversas ideas empezaron a burbullear na súa imaxinación, ata a tolemia de querer realizar un anuncio publicitario, o primeiro dun taxi.

Desde ese primeiro día, non parou de realizar publicidade por distintos medios, e renovou recentemente o vehículo. “Me enorgullece ser o primeiro taxi que realiza un anuncio publicitario, pero máis aínda, que todo este traballo sexa recoñecido. Non só por min, senón por todo o equipo que me acompañou nesta tolemia e confiou nas miñas aloucadas ideas”, asegura.

María, que destaca que “nunca pensei ser a gañadora”, agradece a todos os que a votaron, ao xurado pola súa valoración e ao equipo culpable do anuncio publicitario “que me fixo gañadora deste premio”.

Nesta edición de 2017 dos Premios da Internet presentáronse máis de 400 participantes. Grandes multinacionais e empresas punteiras de diversos sectores competiron por estes premios, que non teñen asignación económica, senón un recoñecido prestixio e reputación.

Os Premios da Internet teñen por obxectivo recoñecer aquelas Iniciativas, Persoas ou Organizacións que máis se destacaron, durante o ano previo á súa entrega, no bo uso da Internet e as novas Tecnoloxías.

Anuncios