Autorizadas sete expropiacións en Nigrán para a construción dunha senda peonil e ciclista na PO-552

O Consello da Xunta aproba o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada PO-552, nos treitos Coruxo -Roteas, A Estea e Priegue, nos concellos de Vigo e Nigrán.

O obxecto da actuación é a construción dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-552, en tres treitos situados entre os pp.qq. 3+280 e 7+500. O orzamento base de licitación do proxecto de construción é de máis de 868.000 euros.

O decreto de utilidade pública comprende as expropiacións dos 32 predios necesarios para a execución de tres tramos de senda para uso peonil e de ciclistas na estrada PO-552 (Vigo – Tui), 25 delas no concello de Vigo e 7 no de Nigrán.

O primeiro tramo, entre Coruxo e Roteas, iníciase no p.q. 3+280, onde finalizan as beirarrúas existentes en Coruxo, e construirase senda polas dúas marxes da estrada ata o p.q. 3+600, na zona do pavillón de deportes. Desde este punto seguirase pola marxe dereita ata o 4+440, punto situado na zona inicial de San Miguel de Oia.

O segundo tramo, na Estea, localízase na travesía de San Miguel de Oia, comezando no p.q. 5+600 e finaliza no 6+070, punto en que remata a travesía. Prevese a súa construción pola marxe dereita da estrada PO-552, porque na esquerda xa existe beirarrúa.

O último treito iníciase no punto en que comeza a travesía de Priegue (p.q. 6+910) e remata no 7+500, onde conecta coas beirarrúas existentes nas Rexas. Proxéctase tamén pola marxe dereita da estrada.

A sección tipo consta dunha senda dun largo mínimo de 1,8 metros, separada da calzada por unha zona axardinada e os bordos de separación nos tramos en que as características da estrada e as edificacións existentes o permiten.

Ademais da senda executaranse outras obras complementarias como a mellora das paradas de bus existentes nos tramos obxecto da actuación, a adaptación da intersección do p.q. 3+520 ao paso da senda, de modo que quedará habilitado un cambio de sentido para facilitar os xiros no sobrelargo existente neste punto, e a mellora da drenaxe na curva do p.q. 7+100, nas Rexas.

Plan de sendas

Este itinerario está enmarcado no Plan de sendas de Galicia, concretamente na comarca de Vigo, onde a Axencia Galega de Infraestruturas executará aproximadamente 12,5 quilómetros de novas sendas, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros. A Xunta ten garantido o financiamento ao terse incluído estas actuacións no programa operativo de Galicia dos fondos europeos Feder para o período 2014/20.

Na estrada PO-552, o Plan de sendas recolle varios itinerarios peonís e ciclistas. Así, no paseo marítimo existente en Baiona diferenciaranse os espazos destinados a peóns ciclistas na zona próxima ao Parador. O contrato de obras xa está adxudicado e está previsto iniciar os traballos no mes de setembro para non causar molestias ao importante número de usuarios do paseo nos meses de verán. Na mesma estrada prevese complementar o itinerario na zona de Santa Marta, para o cal o proxecto xa está redactado.

A Axencia Galega de Infraestruturas licitou o pasado mes de marzo o contrato para a execución dunha senda na PO-325 que permitirá completar o itinerario peonil e ciclista existente nesta estrada en Nigrán.

O proxecto da senda para peóns e ciclistas na PO-340 entre Gondomar e A Ramallosa xa foi sometido a información pública en novembro de 2016. Nestes momentos estase a ultimar a supervisión do proxecto para a súa próxima aprobación e licitación das obras este verán.

TRES NOVOS TRAMOS DE SENDA PEONIL E CICLISTA NA PO-552