Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas despide a Copa de España en Alcalá de Henares

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

O primeiro gran obxectivo da tempada para o Club Ciclista Rías Baixas chega ao seu fin. A Copa de España Elite e Sub23 baixa o pano este domingo coa súa novena xornada puntuable, o Gran Premio Macario. A esta proba con saída e chegada na localidade madrileña de Alcalá de Henares, os representantes da entidade presidida por José Luis Chamorro chegan nun bo momento de forma como demostraron o pasado fin de semana en Tarragona.

O conxunto miñorano logrou a sétima posición por equipos na Clàssica Xavier Todndo despois de estar moi activo. Buscou formar abanicos no tramo inicial, tivo presenza nas escapadas máis importantes e Jesús Nanclares obtivo a duodécima posición na liña de meta. Miguel Indurain, convidado de honra desta carreira, felicitou persoalmente ao equipo polo seu rendemento.

O director deportivo Marcos Serrano volverá contar este domingo con Nanclares, Diego Tirilonte, Rodrigo Enríquez, Raúl González, Jon Ander Tomei, Diego González e inclúe na súa aliñación a novidade do sub23 vigués Lois Rodríguez.

Na súa decimonovena edición, o GP Macario repite o seu habitual percorrido. Serán 155 quilómetros con cinco ascensións puntuables: Loranca (2ª categoría), Pezuela (3ª) e tres pasos polo alto de Torres (3ª). O bandeirazo inicial darase ás 09:30 horas e a chegada está prevista para as 13:30 horas.

A formación do Val Miñor aspira como bloque a escalar postos na clasificación por equipos da Copa de España e os seus corredores queren seguir acumulando boas sensacións antes de que a próxima semana dispútese o Campionato de Galicia de contrarreloxo individual e a Volta Ciclista á Provincia da Coruña.

Anuncios