Anuncios
Ticker de novas

O CB Nigrán prepara xa as actividades de peche desta exitosa tempada

FOTO: CB NIGRÁN

A directiva e corpo técnico do CB Nigrán están metidos de cheo na organización de diferentes actividades que poñerán fin á mellor das tempadas desde que o club renovase a súa actividade fai agora tres anos.

Unha das actividades estrela é o campus de verán que desenvolven no pavillón municipal de Panxón durante o mes de xullo. Este campus, que organizan en colaboración co Concello de Nigrán terá lugar a semana do 10 ao 14 de xullo.

Con respecto á actividade federada os equipos infantil masculino, infantil feminino e cadete feminino atópanse xa xogando a Copa Primavera, competición na que se inscribiron despois de acabar a liga regular. Estes tres equipos foron convidados polo Club Gica de Águeda (Abeiro) a participar no torneo internacional que organizan durante o mes de xullo. Desde o CB Nigrán están a valorar esta invitación pois xa participaron noutras edicións e a experiencia foi moi positiva.

O equipo benxamín, que xa terminou os partidos de Liga, participará en diferentes torneos como o que organiza o Club Baloncesto Salceda e que terá lugar o vindeiro mércores 17 de maio. O equipo baby seguirá durante o mes de maio participando nas súas respectivas concentracións.

Pola súa banda o equipo alevín, que se atopa aínda competindo en Liga, realizou unha tempada magnífica e a falta dun só partido para terminar a competición mantense invicto.

No que se refire ás escolas deportivas que o club ten nos diferentes colexios de Nigrán, durante a primeira semana de xuño terán lugar unhas xornadas interescolares nas que participarán os xogadores non federados do club pero que se abrirá tamén a todos aqueles nenos e nenas en idade escolar que queiran participar.

E outra das citas importantes para o club será o vindeiro sábado día 27 de maio, día no que terá lugar o acto de clausura das escolas deportivas de Gondomar onde o CB Nigrán é responsable da disciplina de baloncesto.

Anuncios