Gondomar recibirá 55.050 € e Nigrán 62.514 € para Servizos Sociais Comunitarios Básicos

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará mañá as primeiras achegas do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos deste 2017, que por primeira vez abranguerá á totalidade dos concellos da provincia de menos 20.000 habitantes, incluídos aqueles que non contaban con financiamento de persoal en base ao establecido no Decreto 99/2012 de 16 de marzo da Xunta de Galicia polo que se regulan os servizos sociais comunitarios, segundo explicou esta mañá en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Así, os concellos de Campo Lameiro, Fornelos, Mondariz-Balneario, Moraña, Oia e Pazos de Borbén, pasarán o formar parte por primeira deste Plan de Cofinanciamento, o que lles permitirá contar a partir deste ano con persoal administrativo para os servizos sociais comunitarios, logrando así dende a Deputación “realizar repartos equilibrados que cheguen a toda a provincia”, sinalou Carmela Silva.

Deste xeito, con esta primeira achega destinaranse un total de 1.317.522 € a 32 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se completarán máis adiante cunha segunda adxudicación para os 20 concellos restantes ata completar os 2.215.035,33 € que este ano se destinaron ao o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar e persoal dos servizos comunitarios básicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A Comarca de Vigo recibirá con esta primeira achega 208.422,45 €, que se destinarán aos concellos de Fornelos de Montes (14.836,9 €), Gondomar (55.050 €), Nigrán (62.514 €) Pazos de Borbén (16.587,55 €) e Salceda de Caselas (59.434 €).

O pasado ano, a Deputación adxudicou 1.359.142,45 € para investir no SAF dos concellos de menos de 20.000 habitantes e prestouse servizo a preto de 1.000 persoas destes concellos, principalmente a mulleres (o 66,7% das usuarias do SAF), maiores de 70 anos e con limitacións para realizar actividades da súa vida diaria.

Anuncios